O Concello reclama unha solución para a falta de pediatras nas Pontes

TerraChaXa
Afirma que máis de 1.000 nenos e nenas, menores de 14 anos, teñen que ser atendidos por profesionais sanitarios sen experiencia nin formación pediátrica
centro-saude-as-pontes
31 Oct 2024

O Concello das Pontes reclámalle á Xunta de Galicia unha solución urxente e inmediata para o servizo de pediatría do centro de saúde do municipio.

Nun escrito remitido á Consellería de Sanidade e á xerencia da área sanitaria de Ferrol, o Concello das Pontes pon de manifesto a situación actual na que se atopa o centro de saúde do municipio, ante a cobertura, de xeito parcial e temporal, das prazas de pediatría asignadas ao centro de saúde.

Así remarcan que “só está cuberta unha das dúas prazas asignadas e non durante todos os días da semana o que está a provocar que os menores de 14 anos da nosa vila teñan que ser derivados, en moitas ocasións, aos servizos de atención pediátrica de Ferrol ou ao servizo de urxencias da área sanitaria”.

Esta circunstancia provoca que máis de 1.000 nenos e nenas das Pontes, menores de 14 anos, teñan que ser atendidos por profesionais sanitarios sen experiencia nin formación pediátrica de ningún tipo e, no caso dos menores de tres anos, a situación aínda é máis preocupante ao verse obrigados a desprazarse a 40 quilómetros para ser atendidos por un especialista en pediatría.

Desde o Concello das Pontes remarcan que se trata “dunha situación inadmisible”, recordando que esta situación non é nova. “Non é a primeira vez que desde o Concello das Pontes denunciamos a perda de servizos sanitarios no noso municipio, especialmente grave cando falamos de nenos e nenas. Non entendemos a falta de interese da Xunta de Galicia para articular solucións para non reforzar a atención sanitaria nas zonas rurais e garantir un dereito fundamental de todos os veciños e veciñas das Pontes, especialmente da poboación infantil”.

0.1725709438324