O concellos lugueses recibirán 106.000 euros para a loita contra a violencia de xénero
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou a importancia da implicación dos concellos na loita contra a violencia de xénero que se vai facilitar grazas á reforma lexislativa feita no mes de agosto polo Goberno de Pedro Sánchez.
Isabel Rodríguez, que compareceu en rolda de prensa xunto coa coordinadora de Igualdade e Benestar Social da Delegación do Goberno en Galicia, María Debén, lembrou que a loita contra a violencia de xénero é unha prioridade absoluta para o Goberno de España, como o demostra o feito de que unha das primeiras medidas adoptadas polo Executivo foi a modificación lexislativa que devolve aos concellos, a administración máis próxima aos cidadáns, as competencias en materia de igualdade e de violencia de xénero.
A subdelegada do Goberno explicou que a devolución das competencias na loita contra a violencia de xénero aos concellos vai acompañada da transferencia de recursos económicos para que poidan poñer en práctica políticas nesta materia. Para o que queda deste ano 2018, o Estado destina a este fin 20 millóns de euros e para o ano que vén serán 40 millóns de euros. O 70% destes fondos repártense equitativamente entre todos os municipios e o 30% restante adícase só aos concellos que están adscritos ao programa Viogén de protección das vítimas.
A distribución das achegas que recibirán todos os concellos faise partindo dunha cantidade fixa de 689 euros por municipio á que se engade outra cantidade variable que se obtén multiplicando por 0,18 o número de habitantes de cada concello, tomando como referencia o padrón de 1 de xaneiro de 2017.
SISTEMA VIOGÉN
A nova normativa establece que recibirán unha achega adicional os concellos que estean adheridos ao Sistema de Seguemento Integral de Violencia de Xénero (Viogén), xa que se reserva para este fin unha parte do fondo estatal. Estes posibles remanentes serán distribuídos proporcionalmente entre todos os municipios que participen no Viogén.
A subdelegada do Goberno anunciou que ten previsto enviar cartas a todos os concellos da provincia para informalos das medidas aprobadas polo Executivo e animalos a adherirse ao Sistema de Seguemento Integral da Violencia de Xénero.
Este sistema creouno a Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior en 2007 co obxectivo de aglutinar ás diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero, integrar toda a información de interese que se estime necesaqria, facer predicción de posibles riscos, atendendo ao nivel de risco, realizar seguemento e protección das vítimas en todo o territorio nacional, efectuar un labor preventivo, emitindo avisos, alertas e alarmas mediante o “Subsistema de Notivficacións automatizadas”, cando se detecte alguna incidencia ou acontecemento que poida poñer en perigo a integridade da vítima.
Na provincia de Lugo, dos 67 concellos 10 crearon no seu día mesas de coordinación institucional contra a violencia de xénero, aínda que a maioría delas non están activas, e só 3 concellos –Burela, Ribadeo e Vilalba- están plenamente integrados no Viogén, coa incorporación das respectivas policías locais no Sistema de Seguemento Integral dos Casos de Violencia de Xénero.
FONDOS PARA LUGO
No caso da provincia de Lugo, a subdelegada do Goberno explicou que os 67 concellos recibirán máis de 106.000 euros e no exercizo de 2019 vanse superar os 212.000 euros. A esa cifra engadirase o remanente que recibirán os que se integren no programa Viogén.
Isabel Rodríguez tamén destacou que na provincia de Lugo hai na actualidade 466 casos de violencia de xénero activos, dos cales 251 teñen un nivel de risco non apreciado, 181 teñen risco baixo, 32 están catalogados como risco medio, 2 son de risco alto e non hai ningún considerado de risco extremo.