O concurso de Fungos e Cogomelos 2026 das Pontes repartirá este ano 1.375 euros

TerraChaXa | FerrolXa
O certame contará con dúas categorías: absoluta, para persoas maiores de 18 anos, e promesa, destinada a participantes de ata 17
setas-fungos-lepiotas
23 Oct 2026

O Concello das Pontes abre a convocatoria do concurso de Fungos e Cogomelos 2026, que se celebrará o domingo 1 de novembro no marco da 36ª Feira de Fungos e Cogomelos. A iniciativa, organizada en colaboración coa Asociación Micolóxica Poupariña, busca fomentar a afección á micoloxía e dar a coñecer a variedade de especies do territorio.

O certame contará con dúas categorías: absoluta, para persoas maiores de 18 anos, e promesa, destinada a participantes de ata 17. Para concursar será necesario presentar unha cesta con exemplares de, polo menos, dez especies distintas de cogomelos silvestres, sen incluír especies protexidas.

Na categoría absoluta, os premios serán de 350 euros para o primeiro posto, 200 para o segundo, 150 para o terceiro, 100 para o cuarto e 75 euros para o quinto. Ademais, concederase un premio especial de 350 euros, no que se valorarán a creatividade, a orixinalidade da presentación e a presenza de exemplares pouco comúns. A categoría promesa contará cun premio de 150 euros.

A inscrición e a presentación das cestas realizaranse o propio día da feira, entre as 09:00 e as 10:30 horas, na carpa instalada na praza de América. Unha vez rematado ese prazo, o xurado comezará a avaliar as propostas e non se admitirán novas participacións. No caso de que se supere o número de prazas dispoñibles, a selección farase por orde de inscrición.

O xurado terá en conta a clasificación, o estado de conservación e a variedade das especies presentadas. As persoas participantes deberán manter expostas as súas cestas ata, polo menos, as 14.00 horas. Todas recibirán, ademais, un agasallo conmemorativo.

As persoas menores de idade deberán contar coa conformidade dun pai, nai ou titor legal para inscribirse. Os premios daranse a coñecer o mesmo día da feira, unha vez finalizado o concurso, sobre ás 12:00 horas.

0.17625999450684