O conselleiro de Educación visitou o colexio de Friol para abrir o curso escolar
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, elixiu o CPI Doctor López Suárez de Friol para o acto de comenzo do curso escolar 2022/2023.
O conselleiro acompañado polo delegado da Xunta Javier Arias, o director do colexio Felipe Barata, así como por diferentes cargos da Xunta e polo alcalde e membros do equipo de goberno de Friol, puido comprobar de primeira man o estado actual das instalacións do colexio, que veñen de ser melloradas.
O conselleiro anunciou na súa visita que a Xunta de Galicia reforza o servizo de comedores escolares cun investimento extra de 1,4 M€ este ano. Na súa visita, o responsable autonómico de Educación explicou que o esforzo orzamentario por parte da Administración autonómica permitirá blindar este servizo sen que se incremente o gasto das familias, elevando o investimento ata os 50M€. “Pese ao contexto da inflación desbocada, mantemos firme o noso compromiso de ofrecer un servizo de comedor de calidade e baseado na renda familiar o que fai un dos máis xustos e baratos do conxunto do Estado”, engadiu.
Na mesma liña, precisou que a oferta de comedor, sumada ao servizo de transporte escolar, son dous dos principais indicadores da boa saúde da que goza o ensino rural en Galicia. “No caso do centro que hoxe visitamos, a meirande parte do alumnado fai uso do comedor de xeito gratuíto e chega ao centro nunha das liñas de autobús escolar da Xunta de Galicia”, explicou.
Aposta polo ensino rural
Isto, tal e como explicou Román Rodríguez, fai posible que Galicia funcione “como un distrito escolar único en materia escolar, un gran colexio coas mesmas potencialidades, servizos, programas e resultados académicos independentemente de onde un elixa vivir”. “O ensino rural é unha das sinais de identidade do noso sistema educativo e o noso compromiso é garantir a igualdade de oportunidades”, precisou antes de lembrar que o investimento por alumno da Xunta no rural é superior e que o 93% dos concellos de Galicia conta cun centro de Infantil e Primaria.
Aforro de 107M€ ás familias
Por outro lado, o conselleiro de Educación explicou que unha das principais preocupacións do Goberno galego neste inicio de curso é que a “inflación galopante que vivimos afecte o menos posible á educación e, sobre todo, afecte menos a quen máis o precise”.
Por iso, co fin de afrontar este contexto, a Xunta de Galicia ten en marcha unha batería de medidas como o apoio ás familias para o acceso aos libros de texto e material escolar, o comedor escolar bonificado, o transporte totalmente gratuíto, a dotación de recursos tecnolóxicos de balde para os nenos ou a conxelación das taxas universitarias que se intensificaron nos últimos meses coas que as familias galegas con fillos en idade escolar ou universitaria aforrarán arredor de 107 M€.
Non obstante, recalcou que o seu departamento seguirá “analizando e implementando” todas as medidas que sexan necesarias para continuar garantindo a calidade e equidade do ensino galego e, deste xeito, blindar “a igualdade de oportunidades e a xustiza social”.
Agradecemento á comunidade escolar
O curso 2022/2023 arranca mañá para un total de 311.179 alumnos de Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO e Bacharelato, ademais do alumnado de FP e as ensinanzas de réxime especial. “Despois de dous cursos desaparecen os protocolos e as restricións covid e a partir de agora todos os esforzos da escola poden canalizarse no esencial: formar aos noso nenos e mozos”, afirmou o conselleiro, quen agradeceu o “importante esforzo feito” polo profesorado, polas familias e polo alumnado durante toda a crise sanitaria.
Logo de que o pasado venres o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde eliminase as últimas restricións en toda España, a Xunta de Galicia vén de distribuír nos centros as recomendacións xerais mínimas que supoñen a eliminación dos protocolos.
Neste senso, e co fin de garantir a maior normalidade a partir de mañá, a Consellería de Educación mantivo nos últimos días reunións con representantes da comunidade escolar como directores de centros, asociacións de país ou nais ou empresas que prestan servizos.