O Consello da Xunta dá o visto bo á creación dunha oficina rural na Pastoriza

A Consellería do Medio Rural creará unha nova oficina rural no concello lucense da Pastoriza, co obxectivo de mellorar a atención e eficacia dos servizos veterinarios oficiais neste territorio, cunha alta actividade agraria e gandeira, reforzando a presenza administrativa no medio rural. Así o recolle un informe do que tomou razón o Consello da Xunta celebrado de forma extraordinaria na cidade de Lugo.
A nova oficina estará situada na planta baixa da casa consistorial dese mesmo concello, que xa adoptou o acordo para a súa cesión. Neste sentido, habilitarase un espazo de 53 metros cadrados que contará cunha entrada independente desde a rúa. Esta área contará con dous espazos conectados, para o persoal técnico dos servizos veterinarios e outro para administración e atención ao público.
Así, estará dotada cun posto de veterinario e de persoal administrativo, e permitirá reforzar a atención directa ao sector gandeiro e prestar cobertura tamén a outros concellos da contorna, se for necesario. Estímase que as adaptacións necesarias para acondicionar o local ao seu novo uso ascendan ata os 30.000 euros. Asemade, prevese que a oficina estea en funcionamento antes do comezo do verán.
O Executivo autonómico conta cunha ampla rede de oficinas rurais espalladas por toda Galicia integrada por un total de 68 instalacións -contando coa futura sede da Pastoriza-. Estas instalacións destacan pola súa proximidade á poboación rural e a presenza de persoal cualificado, co fin último de cubrir as necesidades destes territorios.