O consello escolar do CEIP A Magdalena recolle sinaturas para reclamar a reparación da cuberta do edificio B

O consello escolar do CEIP A Magdalena, nas Pontes, iniciou unha recollida de sinaturas para reclamar á Consellería de Educación a reparación da cuberta do edificio B, onde se atopaba o antigo CPI Monte Caxado. O deterioro das instalacións leva anos provocando problemas no centro e afectando o alumnado.
Segundo explica o consello escolar, a cuberta atópase nun estado de conservación “deplorable”, que causa goteiras e humidades nas aulas ano tras ano. A comunidade educativa denuncia que esta situación persiste malia as numerosas peticións realizadas para solucionar o problema.
O consello sinala que a situación foi trasladada “reiteradamente” á Xunta, á que se lle solicitou o seu arranxo. Porén, ante a falta dunha solución, a comunidade educativa decidiu impulsar esta iniciativa para reclamar unha intervención que permita poñer fin ás filtracións e ás humidades.
As follas de sinaturas estarán dispoñibles para todas as persoas que desexen apoiar a reivindicación no edificio administrativo do CEIP A Magdalena, na conserxaría. Ademais, poderán atoparse en distintos puntos das Pontes, entre eles establecementos comerciais e locais de hostalaría do municipio.
O prazo para apoiar a iniciativa permanecerá aberto ata o próximo 6 de novembro, data na que se recollerán as sinaturas para trasladar a demanda á Administración educativa.