O Consello Local da Infancia e da Adolescencia de Vilalba aborda a inclusión e as actividades de verán

O Consello Local da Infancia e da Adolescencia de Vilalba celebrou a súa segunda convocatoria correspondente ao curso 2025-2026, unha sesión centrada na participación activa da mocidade e na recollida de propostas para mellorar a vida no municipio.
Durante a xornada, os nenos, nenas e adolescentes participantes reflexionaron sobre a inclusión das persoas con diversidade funcional, compartindo ideas e achegando diferentes puntos de vista sobre como avanzar cara a unha vila máis accesible e integradora para toda a cidadanía.
A reunión serviu tamén para recoller suxestións e iniciativas relacionadas coa programación de actividades de verán en Vilalba. Os participantes formularon distintas propostas de lecer e convivencia co obxectivo de seguir ampliando a oferta destinada á infancia e á mocidade durante os meses estivais.
Desde o Concello destacaron a importancia deste órgano de participación como un espazo de diálogo e escoita no que os máis novos poden expresar as súas opinións e contribuír á toma de decisións que afectan ao seu día a día. A administración local subliñou que construír unha vila mellor pasa tamén por incorporar as perspectivas da infancia e da adolescencia ás políticas municipais.
Ao remate da sesión, agradeceuse a implicación dos rapaces e rapazas que forman parte do Consello, destacando o seu compromiso e a súa participación activa para consolidar este foro como unha ferramenta cada vez máis dinámica e representativa da realidade da mocidade vilalbesa.