O Consorcio de Bombeiros fará un investimento de 335.000 euros
O presidente da Deputación e do Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, José Tomé, informou de que o Orzamento da entidade para o ano 2020 ascende a 5,5 millóns de euros. Grazas á xestión directa dos parques comarcais de bombeiros, o Consorcio obtivo neste exercicio uns aforros de 600.000 euros, o que se traducirá, por unha banda, en que terá capacidade por primeira vez de realizar investimentos, por un importe que alcanzará os preto de 335.000 euros, e, por outra, nunha redución en 130.000 euros da achega de cada unha das entidades consorciadas (Deputación e Xunta) con respecto ás deste ano, o que supón un 5% menos.
A partida de investimentos estará destinada a equipamentos para a mellora da seguridade dos bombeiros e das instalacións dos parques. Así, o material a adquirir é, entre outro, un equipo de excarceración, camiñas de rescate, puntais de estabilización, material de rescate en altura, puntais de estabilización, mellora do sistema de comunicacións ou equipos informáticos.
O pleno do Consorcio de Bombeiros aprobou esta tarde o Orzamento, que, dos 5,5 millóns de euros que contempla, 4,4 (o 80%) está destinados a facer fronte aos salarios dos 117 traballadores e traballadoras, 754.000 euros a gastos correntes e 333.900 euros a investimentos.
Polo que respecta aos ingresos, proveñen das achegas da Deputación e da Xunta, de 2,3 millóns de euros cada unha, e de Unespa, Asociación Empresarial del Seguro, de 939.205 euros.