O coordinador de benestar: a nova figura obrigatoria nos centros educativos
Por Julio Díaz
Fai xa uns anos a Lei Orgánica 2/2006 estableceu a obrigatoriedade de elaborar un Plan de Convivencia para incorporar á Programación Xeral Anual, sendo este un documento no que os centros inclúen actividades encamiñadas a acadar un bo clima nas aulas e buscan solucionar pacificamente os conflitos que poidan xurdir.
A Lei Orgánica 8/2021 de protección integral da infancia e da adolescencia, establece que todos os centros educativos onde cursen estudos persoas menores de idade deben ter un coordinador/a de benestar e protección do alumnado. A figura débese implantar neste curso 2022/2023 pero con flexibilidade, podendo ser mesmo a finais do mesmo, xa que se trata dun proceso gradual.
A Lei recolle que o coordinador/a de benestar será o encargado de promover plans de formación ao persoal dos centros, os alumnos e os pais sobre prevención, detección precoz e protección de nenos/as e adolescentes. Deberá coordinar tamén protocolos eficaces e claros para aqueles casos que requiran a intervención por parte dos servizos sociais competentes; interceder como referente principal para as comunicacións relacionadas con posibles casos de violencia no propio centro ou no seu entorno; fomentar o respecto cara os alumnos con discapacidade ou outras circunstancias de vulnerabilidade ou diversidade e fomentar unha alimentación saudable e nutritiva.
A min gustaríame destacar unha das funcións deste coordinador de benestar nos centros educativos que é a de frear as publicacións de contidos sensibles en internet e promover a comunicación inmediata aos axentes de protección de datos de situacións que poidan implicar un tratamento ilícito de datos de carácter persoal das persoas menores de idade.
A Axencia Española de Protección de Datos dispón dun canal prioritario para comunicar as publicacións non autorizadas en internet de contido sexual ou violento e solicitar a súa retirada das redes de forma urxente. No comezo deste curso escolar, a Axencia publicou un documento que recolle de forma sinxela como deben actuar os centros educativos e como realizar a correspondente denuncia si se detectan este tipo de actuacións. É precisamente aquí onde se converte a figura do coordinador de benestar e protección do alumnado nunha figura clave para denunciar ante dita Axencia a publicación de todo este tipo de contidos.
A proliferación de dispositivos móbiles, entre outros factores, están propiciando a difusión de datos persoais a través das redes sociais, sendo frecuente que a gravación e publicación de contidos sexuais e violentos, converténdose nun dos instrumentos máis utilizados en casos de acoso, tamén no ámbito escolar.
Para rematar, dicir que o sector educativo, polo xeral, recibiu con indiferenza a medida xa que falta claridade á hora de desenvolver a Lei e rexeita a maneira na que se está a trasladar aos centros, sen unha regulación concreta e clarificadora, sen recursos adicionais imprescindibles, e sen o coñecemento das consecuencias que poden carrexar unha incorrecta aplicación das súas funcións e protocolos. O profesorado teme que ao final se converta, outra vez máis, tan só en burocracia, burocracia e máis burocracia.