O cura de Momán reclama á Xunta a reparación urxente da LU-170, que comunica Parga con Cabreiros

O cura párroco de Momán, en Xermade, Luis Ángel Rodríguez Patiño, presentará este luns un escrito ante a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) para solicitar a reparación e acondicionamento urxente da estrada autonómica LU-170, especialmente no contorno do punto quilométrico 20.
No documento, Rodríguez Patiño expón que a estrada, que comunica Parga, en Guitiriz, con Cabreiros, en Xermade, presenta desde hai tempo un estado de conservación «moi deficiente» en determinados tramos, con numerosos baches, fochancas, deformacións e deterioros do firme que dificultan a circulación e xeran preocupación pola seguridade das persoas usuarias.
Segundo sinala, esta situación afecta diariamente aos veciños e veciñas de Momán e doutras parroquias e localidades da contorna, así como ás persoas que utilizan esta vía para acudir ao traballo, centros educativos, servizos sanitarios, comercios e explotacións agrícolas e gandeiras, entre outros servizos básicos.
O escrito lembra que a reclamación non é nova e que xa en 2024 se realizou unha mobilización para denunciar o estado da estrada. Posteriormente, o 16 de xullo de 2026, coincidindo coa festividade da Virxe do Carme, celebrouse unha nova misa reivindicativa no punto quilométrico 20 da LU-170, en Momán, coa participación de veciños e veciñas da zona.
O párroco considera que esta segunda mobilización evidencia que a preocupación dos usuarios continúa e que existe unha demanda veciñal reiterada para lograr unha solución efectiva e duradeira, máis alá de actuacións puntuais sobre determinados baches. Tamén destaca a repercusión que tivo a mobilización do 16 de xullo nos medios de comunicación galegos e estatais.
A solicitude reclama á Axencia Galega de Infraestruturas unha inspección técnica urxente do estado da LU-170, con especial atención ao tramo do punto quilométrico 20, así como a adopción inmediata das medidas necesarias para garantir unhas condicións adecuadas de seguridade e circulación.
Ademais, pide que se valore e programe unha actuación integral nos tramos máis deteriorados da estrada e que se informe por escrito das actuacións previstas ou en tramitación, dos proxectos ou expedientes existentes, dos prazos administrativos e do calendario aproximado de execución das obras.
O escrito solicita tamén información sobre a situación actual de posibles proxectos, estudos técnicos, contratos de conservación ou expedientes administrativos relacionados coa mellora da LU-170 e reclama que se teña en conta a demanda dos veciños e as mobilizacións realizadas nos anos 2024 e 2026.
Rodríguez Patiño sinala que a petición se formula «desde o respecto institucional, sen ánimo partidario e coa vontade de contribuír á procura dunha solución», pero tamén coa firmeza que require unha situación que, segundo expón, foi denunciada de maneira reiterada.
A iniciativa defende, finalmente, que as persoas que viven no rural teñen o mesmo dereito que o resto da cidadanía a dispoñer de vías de comunicación seguras, dignas e adecuadamente conservadas.