O delegado do Goberno chama á colaboración cidadá na crise do coronavirus

TerraChaXa
Na súa intervención, Javier Losada lembrou que o Estado se atopa “ante unha crise sanitaria, económica e social”, á que o Goberno decidiu “responder con excelencia científica e con todos os recursos dispoñibles”.
O delegado do Goberno chama á colaboración cidadá na crise do coronavirus
16 Mar 2020

Na súa intervención, Javier Losada lembrou que o Estado se atopa “ante unha crise sanitaria, económica e social”, á que o Goberno decidiu “responder con excelencia científica e con todos os recursos dispoñibles”. “A prioridade debe ser a saúde pública á vez que atendemos as necesidades das familias, os traballadores e as empresas”, engadiu.

“Quero agradecer á Xunta a sintonía na que estamos a traballar, pois as medidas establecidas no decreto autonómico son moi similares ás do Real Decreto do Goberno”, abundou. Entende o delegado do Goberno que iso demostra que existe coincidencia “sobre as mellores medidas para facer fronte a esta situación”. “Anímovos a todos a continuar traballando nesta liña. Sen dúbida, co traballo coordinado e baseado nos criterios dos técnicos máis expertos, lograremos saír desta situación canto antes”, agregou.

Lembrou que só é posible abandonar os domicilios para cuestións básicas como a alimentación, os servizos sanitarios ou acudir ao lugar de traballo, entre outras, e que “está garantido o abastecemento de subministracións de primeira necesidade”.

Javier Losada referiuse á activación onte, polo Goberno, do estado de alarma, no que “expón medidas proporcionadas á extrema gravidade da situación e sen que en ningún caso supoñan a suspensión de ningún dereito fundamental”.

“Os obxectivos son protexer a saúde e seguridade dos cidadáns, conter a progresión da enfermidade e reforzar o sistema de saúde pública. Ademais, é necesario mitigar o impacto sanitario, social e económico, tal como desenvolve o Real Decreto aprobado polo Consello de Ministros extraordinario”, proseguiu.

Por iso, e “para garantir a acción totalmente coordinada, baseada sempre na excelencia científica, en todo o territorio do Estado”, o Goberno “asume o liderado das accións e establece medidas para desenvolvelas en sintonía en todo o territorio”. “Como exemplo, o presidente Sánchez mantivo esta mañá un encontro telemático con todos os presidentes autonómicos”, declarou.

O delegado do Goberno fixo un chamamento á poboación para que siga as directrices establecidas. “A conciencia social é fundamental. Debemos lograr, entre todos, conseguir que a sociedade actúe con coñecemento, informada e con solidariedade”, dixo.

0.16498112678528