O delegado do Goberno louba o acordo sobre Alcoa mentres o BNG segue demando outras opcións

TerraChaXa | AMariñaXa
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, garantiu o desenvolvemento do Estatuto do Consumidor Electrointensivo antes do fin do prazo pactado por Alcoa e o persoal, que se estenderá durante seis meses.
23 Jan 2019

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, garantiu o desenvolvemento do Estatuto do Consumidor Electrointensivo antes do fin do prazo pactado por Alcoa e o persoal, que se estenderá durante seis meses. Fíxoo tralo respaldo maioritario dos comités da Coruña e Avilés (Asturias) ao preacordo selado entre a empresa e a representación sindical.
"Temos que felicitarnos todos os galegos e as galegas por que o preacuerdo haxa ter o respaldo dos traballadores, creo que é un paso importante. A empresa quería pechar, botar a todos e finiquitar a actividade industrial. Agora establécese un tempo que vai chegar ata xuño para buscar un inversor con tranquilidade", expresou nunha roda de prensa en Lugo.
Durante estes seis meses a empresa terá que "renovar as instalacións para facelas máis atractivas de cara á súa venda, o que significará un investimento importante". O preacordo tamén contempla "unha serie de dereitos sociais para os traballadores".
Javier Losada detallou que o Goberno garante "que nestes seis meses vaise a facer un novo Estatuto Electrointensivo" e adopta medidas sobre as subvencións ás empresas por consumo energético "con dous obxectivos: abaratar custos e garantir empregos e actividade industrial", declarou.
O delegado do Goberno sostivo que o respaldo ao preacordo "é bo para todo o sistema do aluminio en Galicia", polo que, en global, "é unha boa noticia".

BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
Represenantes do BNG no Parlamento indicaron que, xunto coa sanidade, ALCOA e a perda de emprego industrial será a outra prioridade política no primeiro pleno deste período de sesións, no que impulsará unha proposición non de lei para dotar a Galiza dun marco enerxético propio.
ALCOA, Meirama, Ferroatlántica e 8.500 empregos destruídos na industria só en 2018 dan conta da situación de emerxencia neste sector, nun país exportador neto de enerxía pero no que esta riqueza non redunda nun beneficio para Galiza.
Para mudar esta situación, o BNG fai unha proposta lexislativa con dous elementos clave: unha tarifa específica e estable para as empresas electrointensivas e unha tarifa eléctrica galega para reducir un 15% a factura da luz para as PEMES e as familias.
“Non podemos ter nin un só emprego en risco polo custe da electricidade”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, “se Euskadi pode ter unha tarifa que lle permite aforrar 50 M€ anuais as súas empresas, por que en Galiza o PP veta esa opción?”, interpelou a líder do BNG quen confía en que “Feixóo apoie esta proposición de lei agora que o PP xa non ocupa a Moncloa porque é beneficiosa para crear emprego e acabar coa pobreza enerxética”.
Botar balóns fora
Esa tarifa específica para electrointensivas “non pode ser un cheque en branco, senón que debe estar ligada a un plan de investimentos e de creación de emprego por parte das empresas”, explicou, ao tempo que pregunta á Xunta e ao Goberno do Estado “que van facer para salvar ALCOA” despois dun acordo que só apraza os despedimentos e o peche da factoría até xuño.
“Seguir coa política da avestruz ou de botar balóns fora é o mesmo que comprar todos os boletos para acabar por pechar unha fábrica e poñer en risco un sector estratéxico como a produción de aluminio na área metropolitana da Coruña”, denunciou, “por iso, Xunta e Goberno central teñen que poñerse as pilas para buscar unha alternativa a ALCOA porque é obvio que o único que quere a multinacional e deslocalizar pese a ter o descaro de recoñecer que é rendible e que hai un déficit de produción de aluminio”.
“Non valen máis escusas porque non podemos seguir vendo como se desmantelan industrias e se perde emprego nun país como Galiza, exportador neto de enerxía, que debe aspirar a non vivir só do sector servizos”, concluíu. A proposición de lei do Bloque será debatida no pleno do próximo martes.
 

0.1600558757782