O deportivo e o emocional cabalgan xuntos
Noa e Antía son dúas irmás das Pontes que abriron no mes de xuño na parroquia de O Aparral un innovador centro ecuestre de actividades no que se combina o lecer co tratamento colectivo de persoas con necesidades específicas ou dificultades emocionais; en definitiva, un lugar de entretemento e de terapia.
Así naceu Hípica Prado, una conclusión lóxica para estas dúas mulleres que levan montando a cabalo dende cativas e que decidiron probar sorte con este innovador centro de hípica.
A iniciativa de evolucionar cara facer unha empresa saíu de Antía, cando aínda traballaba como profesora de Secundaria en institutos de FP. Nese momento, tiñan unha egua nunhas instalacións que o anterior xerente quería ceder. Como naquela época os módulos que impartía estaban relacionados con habilidades sociais e atención psicosocial e o eido formal quedábaselle curto, lanzouse e aceptou a xerencia desas instalacións para iniciar un proxecto de intervencións asistidas con animais chamado Libélula IAA.
Máis tarde incorporouse Noa a este proxecto, que se formou como xinete no CAVA para impartir clases de equitación. Pero como as instalacións estaban en situación de abandono, ao cabo de ano e medio decidiron buscar unha nova ubicación “e comprometernos cunhas instalacións máis axeitadas ao noso proxecto”, explican. Foi un ano máis tarde cando localizaron estes terreos para crear Prado Ventura.
Pero montar este negocio non foi tarefa fácil, xa que atoparon moitas dificultades, dende o feito de ser mulleres ata o de ser familia.
Ademais do esforzo persoal, tamén hai invertida unha grande cantidade de cartos neste soño, que conseguiron maioritariamente “coa axuda de Jeremie” gracias ao IGAPE e a AFIGAL, aínda que tamén gracias á Deputación, á Consellería de Emprego e ao Concello das Pontes; así como a préstamos bancarios.
No seu centro existen dúas liñas de servizo moi diferenciadas, xa que teñen varios perfís de clientela. Dunha beira, no eido deportivo, ensinan a persoas de calquera idade que se achegan por primeira vez ao mundo do cabalo ou atenden á clientela que leva anos como propietaria de cabalos e que busca un lugar tranquilo onde adestrar e ter o seu cabalo ben coidado.
Respecto ao coaching e ao desenvolvemento persoal, o perfil que abranguen vai dende asociacións que traballan con colectivos con necesidades específicas (autismo, down, alcoholismo, etc.), ata persoas usuarias privadas ou familias que buscan un proceso de crecemento persoal que solucione dificultades emocionais, deportivas ou personais.
O máis orixinal da empresa é que está guiada por dúas irmás que apostan por un modelo de negocio que ata o momento era maioritariamente masculino. Ademáis, os seus servizos van máis alá dos tradicionais que adoitan ofrecer este tipo de negocios. Á Hípica Prado Ventura non se vai só a montar a cabalo, ademais do eido deportivo aportan unha liña terapéutica moi completa e innovadora.
A curto prazo seguirán traballando e seguirán ofrecendo unha cualidade e uns servizos excepcionais. E a medio e longo prazo, gustaríalles incorporar novidades nas instalacions, como unha pista descuberta, natural paddocks, bungalows, corrais de entrenamento de poldros e piscina ecuestre de rehabilitación. Non descartan tampouco ampliar a carteira de servizos de crecemento persoal, engadindo novos espazos para ofrecer cursos de ioga, mindfulness e meditación, de forma habitual.