O derradeiro barco de Mincho
Por Moncho Paz
As Letras Galegas están de loito este ano. Foise Mincho. Falar de Domingo Villar, finado o pasado 18 de maio aos 51 anos debido a unha hemorraxia cerebral fulminante, é falar da ría de Vigo e da novela negra como xénero literario, por nacemento e por vocación. Namorado da cidade olívica que o viu nacer en 1971, o seu vencello coa urbe non foi só por familia, senón tamén por propia elección, como escenario de enredos e intrigas. Domingo exerceu sempre de “vigués universal”, navegando aos catro ventos e reivindicando con paixón o setentrión xeográfico e magnético. Unha lamentable perda, pois era unha gran persoa e deixa unha fonda pegada entre os que tivemos a sorte de coñecelo.
A pesar da súa curta traxectoria literaria, foi autor dunha triloxía de éxito, que comezou en 2006, cando publicou o seu primeiro traballo ‘Ollos de auga’. Mais foi realmente co segundo, ‘A praia dos afogados’ (2009) cando se consagrou no panorama estatal e internacional da novela negra, acadando sona mundial cun gran recoñecemento da crítica e superando con creces os obxectivos de vendas da súa editorial. Tras un parón voluntario de varios anos, asociado fundamentalmente ao pasamento do seu pai, en 2019 saíu do prelo ‘O último barco’, título da súa derradeira novela publicada. “Un libro de maduración tardía. Levoume dez anos escribilo porque non me convencía demasiado o primeiro que fixen”, dixo en certa ocasión.
Nesta obra definitiva recupera a figura do inspector Leo Caldas como protagonista, un personaxe que -ademais da súa profesión de policía- tamén amosaba a súa paixón polo viño albariño e polo mundo da radio. Coa nocturnidade, habitual característica mentres resolvía os seus casos, como ten que ser. Non era difícil adiviñar o paralelismo autobiográfico co autor da novela. Á marxe das tres obras de referencia, Villar deixounos tamén ‘Algúns contos completos’, cos que pretendía “celebrar a vida e a amizade nun encontro, como nas nosas reunións de amigos”, segundo confesaba.
Domingo -Mincho para os achegados- foi un dos nomes máis importantes do país neste xénero e un auténtico supervendas. E non só dentro do territorio nacional, pois tanto ‘Ollos de auga’ como ‘A praia dos afogados’ foron traducidas a máis de quince idiomas, levando as rúas da súa prezada Vigo natal máis aló das nosas fronteiras. En 2014 realizouse a adaptación ao cinema de ‘A praia dos afogados’, dirixida por Gerardo Herrero, que contou con localizacións en Vigo, Nigrán e A Garda, así como cun amplo reparto de actores no que atopamos a Carmelo Gómez, Tamar Novás, Celso Bugallo, Celia Freijeiro, Marta Larralde, Luis Zahera, Carlos Blanco, Ernesto Chao, Belén Constenla ou Fran Peleteiro, entre outros.
Celtista de corazón, Domingo autodefiníase como “un pesimista alegre”. Grazas ás súas obras, recolleu un gran número de recoñecementos, como o Novelpol en dúas ocasións, o Antón Losada Diéguez, o Premio Sintagma, o Premio Brigada 21, o Frei Martín Sarmiento ou o Libro do Ano da Federación de Libreiros de Galicia. Tamén foi finalista doutros importantes galardóns coma os Crime Thriller Awards e Dagger International no Reino Unido, do premio Le Point du Polar Européen en Francia e do premio Martin Beck da Academia Sueca de Novela Negra.
Paradoxos da vida, hai tres meses Domingo Villar recibía na súa cidade natal o título de Vigués Distinguido por parte do Concello, en homenaxe a unha traxectoria literaria na que Vigo sempre estivo nun lugar moi especial; mais a súa recompensa máis doada foi, sen dúbida, a súa lexión de lectores -entre os que me inclúo- e o gran éxito co que conquistou ao público como autor. Un grande das nosas letras que nos deixou sen previo aviso. A túa mesa da taberna Eligio queda triste e soa, coma o pazo de Fonseca. Descansa en paz, Mincho. Ata sempre e boa singradura!!!