O Día do Veciño reunirá a 5.000 persoas no Pazo de Feiras o próximo 18 de outubro

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A Deputación acolleu a presentación dunha nova edición desta cita que organiza a Federación Veciñal integrada por 300 asociacións
presentacion-dia-do-vecino-deputacion
6 Oct 2026

Os xardíns da Deputación de Lugo acolleron este martes a presentación dunha nova edición do Día do Veciño, unha xornada organizada polo movemento veciñal lucense que se celebrará o 18 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e que prevé reunir arredor de 5.000 persoas.

A celebración foi presentada pola presidenta da institución, Carmela López, o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, e o presidente da Federación Lucus Augusti, Jesús Vázquez; aos que acompañaron unha vintena de veciños e veciñas da provincia.

Baixo o lema Seguimos en pé e non nos renderemos nunca a Federación de Veciños, integrada por 300 asociacións da provincia, queren poñer o foco na capacidade do movemento para manter viva a participación social e a vida comunitaria.

Un dos momentos centrais da celebración será a entrega das V de Veciño, cos que a Federación recoñecerá este ano a 24 persoas e entidades vinculadas a diferentes ámbitos da sociedade.

Entre as persoas e colectivos distinguidos figura o alcalde de Vigo, Abel Caballero; Fademur, polos 20 anos de traxectoria; o empresario José Manuel Rodríguez; o redactor de El Progreso, José Ángel Díaz; a científica Cintia Folgueira; Xotramu de Muimenta; o alcalde de Pol, Lino Rodríguez; Amigos de Voal; profesionais sanitarios do HULA como o cirurxián Carlos Gegúndez; e as radiólogas Silvia Guerrero, Clara Eugenia Miras; o concelleiro Waldir Sinistierra; o colectivo O Pereiro de Alfoz; a traballadora social Mónica Arias; a Irmandade de Veteráns das Forzas Armadas; os Pescadores de Begonte; o enfermeiro Isidoro Rodríguez; a Asociación Santa Eufemia de Monforte; o loitador vilalbés José Cuba; a asociación de veciños Pías; o vicepresidente da Federación Veciñal, Miguel Ángel Corredoira; o exconcelleiro José Luis Díaz; e por Unións Agrarias, Miguel Tomé.

A presidenta da Deputación, Carmela López, figura tamén entre as persoas que recibirán un dos recoñecementos desta edición.

As figuras dos premios serán elaboradas pola empresa Regal, de Viveiro, e estarán dedicadas aos medios de comunicación. En concreto, a peza representa a figura dun lector do diario El Progreso.
Carmela López destacou durante a presentación o papel das asociacións veciñais pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento directo da realidade dos barrios, parroquias e vilas. “O movemento veciñal é unha peza imprescindible da sociedade, especialmente nun territorio como o lucense, marcado pola súa extensión e pola dispersión da poboación”.

Miguel Fernández, deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento incidiu na importancia das persoas que están detrás das asociacións e que dedican parte do seu tempo ao traballo comunitario. Destacou o labor de quen organiza actividades, mantén vivas as tradicións e crea espazos de encontro ou traslada as necesidades dos seus barrios ou parroquias.

Pola súa banda, Jesús Vázquez sinalou que “este é o evento máis multitudinario da provincia de Lugo” e avanzou que a edición 24 desta xornada tamén servirá para visibilizar as diferentes reivindicacións e campañas nas que está a traballar o movemento veciñal. Entre elas, citou cuestións como a Rolda Leste, o Plan Paradai, as residencias públicas, o canon da auga, a instalación de televisión gratuíta nas habitacións dos hospitais ou o saneamento das parroquias.

0.16167092323303