O día que Carrière dixo “oui”
Por Moncho Paz.
Jean-Claude Carrière (1931-2021) foi un actor e guionista francés, gran colaborador de Luís Buñuel e un dos máximos expoñentes do surrealismo francés. En xullo de 2011, o goberno de España -presidido por Rodríguez Zapatero- concedeulle a Orde das Artes e das Letras e, un ano despois, cando Ramón Chao lle propuxo o cargo de presidente de honra de Amigos de Prisciliano, aceptou encantado o ofrecemento cun sonoro “oui”, puntualizando que en realidade prefería ser “presidente herético”. Dito e feito. A conversa entre ambos tivo lugar na emblemática libraría Shakespeare & Company, sita no quinto distrito de París e considerada un verdadeiro referente cultural, que ademais aparece en numerosas películas e series de televisión.
Carrière graduouse en literatura e historia e publicou a súa primeira novela con vinte e catro anos. Escribiu máis de 150 guións de películas, converténdose no guionista máis requirido da historia do cinema europeo. Foi tamén un prolífico novelista, ensaísta e dramaturgo. E sempre traballou cos mellores; en teatro, por exemplo, xunto a dúas glorias como os lendarios Jean-Louis Barrault e Peter Brook. A súa colaboración con Luís Buñuel como guionista comezou coa película ‘Diario dunha camareira’ (1964) e prolongouse en varios filmes posteriores, incluíndo ‘Belle de jour’ (1967), ‘O discreto encanto da burguesía’ (1972), ‘A pantasma da liberdade’ (1974), ‘Ese escuro obxecto do desexo’ (1977) e ‘A Vía Láctea’ (1969), na que tamén interpretou o papel de Prisciliano. Contáballe Carrière a Chao que Buñuel tivera a idea de rodar unha cinta sobre as herexías da relixión cristiá tras ler ‘Historia dos Heterodoxos Españois’ de Marcelino Menéndez Pelayo, aos poucos meses da súa chegada a México. A Buñuel fascináballe a posesión da verdade e a extravagancia de certas invencións dos herexes que, convencidos da súa razón tanto como os cristiáns, foron sometidos a numerosos martirios por parte da Igrexa católica. Esta admiración viuse acentuada por unha frase de André Breton, que Buñuel atopou tempo despois, na que o escritor de Tinchebray, a pesar de a súa aversión á relixión, recoñeceu que o surrealismo tiña “certos puntos de conexión cos herexes”.
Aquel diálogo entre libros con Jean-Claude inspiroulle a Ramón a idea de organizar en Vilalba un cine-coloquio coa proxección de ‘A Vía Láctea’ de Buñuel, que finalmente celebramos o 31 de agosto de 2013 no Auditorio Municipal da capital chairega, onde Chao interpretou ao piano ‘O lago de Como’ de Gallas, como colofón do acto. Ao regresar a París amosoulle a Carrière varias fotografías da entrañable xornada e agasallouno cunha camiseta de Amigos de Prisciliano. Ramón afirmaba que preguntarlle a Carrière por Buñuel, con quen colaborou durante case vinte anos, era en realidade “unha obriga”, pois tiveran unha relación moi estreita, de amizade e afecto mutuo. De feito, participou na redacción das marabillosas memorias de Luís Buñuel (‘O meu derradeiro suspiro’) e lembraba que as penúltimas palabras do director foran anunciar a súa despedida deste mundo: “Gustaríame ser consciente da miña propia morte”.
Jean-Claude Carrière tamén traballou con outros directores españois, como Luís García Berlanga (‘Tamaño natural’). Foi autor dos guións de ‘O tambor de folla de lata’ (1979), ‘O regreso de Martin Guerre’ (1982), ‘A insoportable levidade do ser’ (1988), ‘Valmont’ (1989), ‘Cyrano de Bergerac’ (1990), ‘O húsar no tellado’ (1995) ou ‘As pantasmas de Goya’ (2006), entre outras películas. Agudo observador da realidade e recoñecido de xeito unánime como un guionista clave na historia da sétima arte, os derradeiros anos da súa vida dedicounos a impartir clases para novos cineastas, en tres idiomas: francés, inglés e español, este último aprendido “sobre todo nas tabernas”, como adoitaba dicir.
Do seu método de traballo como guionista, afirmou o seguinte: «O inconsciente sempre resulta fundamental, tamén ao escribir. Para que un personaxe sexa completo, sempre hai que dotalo dun subconsciente propio. Todo escritor debe conferir zonas escuras aos seus personaxes. E cando fan cousas absurdas ou impropias deles hai que deixarlles tomar ese camiño imprevisto».
Pouco antes da pandemia emprendeu unha viaxe que pode considerarse o seu legado definitivo: un tránsito de dez días por España visitando distintos emprazamentos frecuentados no seu tempo por Francisco de Goya. Esa peregrinación foi rexistrada por José Luís López Linares nun documental, participado por RTVE, que presentou no Festival de Cannes, baixo o título ‘Goya, o ollo que escoita’. A súa cámara acompaña a Carrière –un home sabio, un home bo– dende Aragón ao Museo do Prado, mentres o francés agasalla ao público coas súas reflexións sobre o pintor español e diversos amigos e especialistas achegan as súas opinións.
Jean-Claude Carrière finou na súa casa, en París, o 8 de febreiro de 2021. Tivo unha morte doce, mentres durmía. Tras o seu pasamento, o cargo de “presidente herético” de Amigos de Prisciliano foi asumido por Ignacio Ramonet, quen ademais exerce na actualidade como “embaixador plenipotenciario” da nosa asociación cultural polo mundo adiante.