O DOG publica a resolución de axudas para silvicultura e prevención de incendios forestais con 422 beneficiarios

TerraChaXa
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a
2 Out 2017

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a resolución das axudas da Consellería do Medio Rural para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais por importe de 11.246.303,85 euros que chegarán a 422 beneficiarios, na súa maioría comunidades de montes veciñais en man común.

Esta figura representa o 75% do total e acada arredor do 90% tanto do importe aprobado (correspóndenlles 10,1 millóns de euros) como das hectáreas de actuación (cun total de 5.804,34 ha). Tamén recibiron axudas as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, sociedades de fomento forestal (Sofor), outras persoas xurídicas e propietarios particulares de xeito individual.

As podas en masas de coníferas son as actuacións cun maior importe e hectáreas aprobados (7,3 millóns de euros e 4.350,78 hectáreas), o que supón o 65,6% e o 67,9% en cada caso, seguidas polos tratamentos silvícolas en masas de frondosas (2,8 millóns de euros e 1.452,80 hectáreas), que acadan así o 25,2% e o 22,7%, respectivamente. Por provincias, a que maior número de beneficiarios acumula é Ourense (con 149, o 35,3% do total), seguida por Lugo (co 31,3%). Tamén Ourense é o territorio con maior importe aprobado e máis hectáreas de actuación (máis da metade do total en ambos casos).

Estes fondos cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, permitirán actuar nun total de 6.404,47 hectáreas de territorio forestal galego. O que se pretende con estas achegas é tanto prever os lumes forestais de cara ao vindeiro ano, así como poñer en valor o monte, a través de traballos silvícolas e plantacións de árbores vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques.

0.099211931228638