O eclipse solar do 12 de agosto protagonizará unha charla divulgativa en Cospeito

Cospeito súmase ás iniciativas que se están a organizar en toda Galicia para preparar á cidadanía ante a eclipse total de Sol do vindeiro 12 de agosto, un fenómeno astronómico excepcional que converterá a comunidade nun dos mellores lugares de Europa para a súa observación.
O Concello, en colaboración coa Asociación Veciñal de Vilapene e a Asociación Recreativa Cultural San Martiño de Pino, organiza unha charla informativa que terá lugar o domingo 9 de agosto, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura da Feira do Monte.
A sesión contará coa participación de Luis Miguel Varela, catedrático de Física da Materia Condensada da Universidade de Santiago de Compostela, e de Sara Varela Míguez, estudante de Medicina adscrita ao Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.
Durante o encontro abordaranse as características científicas da eclipse, os horarios previstos, as condicións nas que poderá observarse desde Galicia e, especialmente, as medidas de seguridade que deben adoptarse para evitar lesións oculares. Os expertos incidirán na necesidade de utilizar unicamente lentes homologadas para eclipses ou filtros específicos, evitando mirar directamente ao Sol ou empregar dispositivos ópticos sen protección adecuada.
A actividade enmárcase na ampla campaña de divulgación posta en marcha en distintos concellos galegos para achegar información rigorosa á poboación antes da chegada deste acontecemento astronómico, considerado un dos máis importantes das últimas décadas. Ademais das explicacións científicas, estas iniciativas buscan que a cidadanía poida gozar do espectáculo con todas as garantías e de forma totalmente segura.
Co lema 'Vive a maxia dun fenómeno inesquecible coas máximas garantías', Cospeito convida á veciñanza e ás persoas afeccionadas á astronomía a participar nesta cita divulgativa, pensada para resolver dúbidas e preparar a observación da eclipse total de Sol que terá lugar apenas tres días despois.