O efecto do gas metano das vacas

TerraChaXa
Por Pablo Veiga Estase celebrando a principios de decembro o cumio sobre o clima na cidade de Madrid, ó que veu derivado desde Chile, por mor das revoltas producidas nas rúas desa nación por parte de cidadáns fartos duns mandatarios que en absoluto pensan neles á hora de lexislar e ter en conta os seus problemas.
Pablo Veiga
26 Dec 2019

Por Pablo Veiga

Estase celebrando a principios de decembro o cumio sobre o clima na cidade de Madrid, ó que veu derivado desde Chile, por mor das revoltas producidas nas rúas desa nación por parte de cidadáns fartos duns mandatarios que en absoluto pensan neles á hora de lexislar e ter en conta os seus problemas. Informan os medios que acuden a dito encontro da presenza duns vinte e cinco mil representantes de máis de dous centos países, nos que se inclúen ducias de xefes de estado e primeiros ministros. Tamén apareceu, logo dunha viaxe complexa, a mediática rapaza sueca, Greta Thumberg. Sen dúbida, non estamos a referírmonos a calquera evento. Mais non imos aquí explicar, nin  moito menos profundizar sobre fenómenos como o efecto invernadeiro ou o cambio climático, xa que se nos escapan das nosas competencias. Son temas demasiado complexos e correspóndelles ós expertos na materira analízalos e propoñer medidas eficaces que redunden en beneficio de tódolos seres humanos e de tódalas áreas xeográficas do mundo.

No entanto, si nos atreveremos –coma sempre- a opinar sobre situacións e realidades que son moi próximas a nosoutros. Un destes asuntos é a suposta contribución da gandeiría, especialmente de vacún, á contaminación da atmosfera, debido ás emisións de metano que producen; é dicir, que as señoras vacas teñen por costume cagar e fano en cantidades considerables. E iso, segundo algúns estudos, que tamén resultan ser moi contraditorios, ven sendo unha elevada porcentaxe das emisións de gases de efecto invernadeiro de todo o noso querido planeta.

Non imos discutir estas teorías, que pensamos son sustentadas baixo criterios científicos. Pero a un non se lle escapa que estes razoamentos, culpabilizando o sector gandeiro do progresivo quecemento gloval que se está a producir nas últimas décadas, canto menos resultan un chisco esaxerados. Aínda así, nos medios de comunicación observamos como en certas zonas do mundo, normalmente correspondente ós países que denominamos en vías de desenvolvemento, levan a cabo prácticas agrícolas e gandeiras moi cuestionables, xa que conlevan a aniquilación de zonas de bosque para decicalas a cultivos e pastos para o gando. Estamos a falar, como exemplo, de fincas no norte de Arxentina, cun tamaño tal que caberían nelas os concellos de Outeiro de Rei e Begonte xuntos, pertencente a unha mesma familia, onde teñen máis de cinquenta mil vacas e cultivan unicamente a soia –soja- e millo para alimentar ese volume de animais e para exportar os excedentes. Situacións inimaxinables, polo de agora, no noso campo.

E coma sempre, destas ameazas poden xurdir oportunidades, convertendo as debilidades en fortalezas. Así, estamos a contemplar con admiración, aquí en Galicia, como algúns proxectos de investigación derivan en múltiples posibilidades para acadar unhas granxas moito máis sustentables. O aproveitamento das bostas, esterco e puríns que producen os animais para convertilos en biogás ou en sistemas que produzan calor, poden ser opcións de futuro que redundarían en beneficio propio dos gandeiros e, por  derivación, contribuirían a mellorar o medio ambiente. Gañariamos todos, polo que estas iniciativas deberían contar co máximo apoio posible.

0.13626885414124