O éxito continúa
Por Pablo Veiga
Todo un clásico, sen ningún xénero de dúbidas, na axenda de verán é o Festival de Pardiñas. Un acontecemento que se celebra desde hai xa corenta anos e que edición tras edición contempla a presenza de centos de asistentes ós concertos musicais e outras actividades que se desenvolven durante a fin de semana que dura o evento. O mérito resulta innegable, merecendo todo tipo de parabéns para o conxunto de persoas que son quen de organizalo, empezando, como non, polo expoñente máis visible, Alfonso Blanco, fillo adoptivo do Concello de Guitiriz e imprescindible na historia recente de toda a bisbarra da Terra Chá por toda a súa laboura desenvolvida ó longo de catro décadas, tanto desde a súa función pastoral como outras de sobra coñecidas, mestre, escritor e dinamizador cultural nun entorno non sempre comprensivo.
Estamos a falar dun festival que os seus primeiros pasos foron dados a principios da década dos oitenta, xusto cando Galicia estreaba a súa autonomía política tra-la aprobación do estatuto correspondente, nunha época de moita incertidume, onde todo estaba por facer nas nosas aldeas, parroquias e vilas. Pardiñas foi un pioneiro –xunto a algún máis, como por exemplo o Festival Folk de Ortigueira- e un referente para moitísimas outras localidades do País que tamén foron creando e desenvolvendo os seus: Resurrection Fest, en Viveiro, Atlántic Fest, na Illa de Arousa, o Sinsal, na mítica Illa de San Simón, así como outros máis recentes e que talvez susciten maior impacto mediático, como O Son do Camiño ou o Festival da Luz, este último en Boimorto, patrocinado pola cantante Luz Casal. Tamén cómpre sinalar que algunha que outra iniciativa semellante non tivo continuidade no tempo, a pesares do grande éxito inicial. De aí que, unha e mil veces máis, nos vexamos na obriga de recoñecer, valorar e agradecer ós promotores do Festival de Pardiñas polo empeño en que ano tras ano, nos primeiros días de agosto, nun entorno privilexiado teña lugar este acontecemento, catalogado como festa de interese turístico galego.
Pardiñas cumpriu corenta anos; pasou a infancia, a adolescencia e a xuventude cunhas notas excelentes. O escenario contemplou artistas e grupos de renome e plenamente consagrados, misturándose con outros moito menos coñecidos que tamén tiveron a súa oportunidade, obtendo merecidos cumprimentos.
Agora está na plena madurez, aínda que o seu espírito segue a ser o das etapas anteriores e a ilusión continúa intacta, polo que o futuro semella ser esperanzador. De novo, utilizamos o termo implicación , pero de todos, desde as administración públicas ata o conxunto da cidadanía, para que un patrimonio como este non decaia e poda conmemorar moitos máis aniversarios.
Existe o dito que vinte anos non son nada, pero vaia se son. Pois corenta anos xa é toda unha vida, pero aínda queda moito por andar e sempre coa intención de mellorar. Ese debe ser o obxectivo, para evitar o máis mínimo indicio de redución na súa calidade.
Xa falta menos para a número corenta e un. Abofé que o programa, novamente, resultará atractivo e o éxito continuará.