O Festival Cultural Pozomouro celebrará a súa sexta edición o sábado 22 en Muimenta cunha ampla programación musical e cultural

TerraChaXa
A cita contará tamén cun mercadiño cultural con diferentes proxectos artesanais e creativos, así como cunha zona de acampada gratuíta
programa-pozomouro
15 Aug 2026

A Área Recreativa Ribas do Miño, en Muimenta, acollerá o vindeiro sábado a sexta edición do Festival Cultural Pozomouro, unha cita organizada por veciños e veciñas da localidade que volverá combinar música, arte, natureza e actividades para todos os públicos.

O cartel musical desta edición estará encabezado por Pan de Capazo, Pachamusta, Filophóbicas, Dani Convulzionez, Bogong Studio, Feral Booty, Píntega Sistema de Son e Hadri H, que se repartirán ao longo da xornada nun escenario situado á beira do río Miño.

Ademais da programación musical, o festival ofrecerá unha ampla variedade de obradoiros e actividades culturais. Haberá narración oral con Atenea García, un pozo ilustrado con Pablo Rodríguez, un pozo miúdo coa Meiga Ociosa, un pozo circo con Duende Circo, un pozo de vimbio con Salix Albis e un pozo musical con Davizín.

A cita contará tamén cun mercadiño cultural con diferentes proxectos artesanais e creativos, así como cunha zona de acampada gratuíta para tendas e vehículos, co obxectivo de facilitar a asistencia ao festival e favorecer a convivencia entre o público.

Desde a organización destacan a ilusión coa que preparan esta sexta edición e convidan á veciñanza e aos visitantes a participar nun evento que busca achegar unha oferta cultural diversa nun contorno natural privilexiado como é a Área Recreativa Ribas do Miño.

0.11848497390747