O Festival de Cine de Roca anuncia as curtametraxes finalistas da súa nova edición

GaliciaXa | TerraChaXa
As obras serán proxectadas o sábado 19 de setembro na Igrexa de Roca, ás 20.30 horas no caso das producións galegas e ás 22.00 horas no das non galegas
curtametraxes-festival-cine-de-roca
14 Sep 2026

O Festival de Cine de Roca xa deu a coñecer as curtametraxes finalistas que competirán nas categorías de curtametraxes galegas e non galegas. As obras serán proxectadas o sábado 19 de setembro na Igrexa de Roca, ás 20.30 horas no caso das producións galegas e ás 22.00 horas no das non galegas.

Na categoría de curtametraxes galegas finalistas atópase ‘Regueifando con pracer’ (2026), de 30 minutos, dirixida por Cora Peña. O documental recolle as accións do proxecto ‘Regueifando con Pracer’, que aborda cuestións relacionadas coa sexualidade a través da improvisación e o coidado, e que busca reivindicar a regueifa e o pracer como ferramentas de transformación social.

Tamén competirá ‘Galletas de Xián: un doce legado’ (2026), de 15 minutos, dirixida por David Vázquez. A curta afonda na tradición das galletas máis antigas de Galicia, elaboradas nunha pequena parroquia de Xíán, en Taboada, e na súa transmisión entre xeracións, coa música tradicional da Agrupación Folclórica Recunchos de Taboada como banda sonora.

A terceira finalista galega é ‘Terra de Pandeiretas’ (2022), de 18 minutos, dirixida por Laura de Diego. A obra explora a música de tradición oral galega a través de catro grupos musicais e un luthier de instrumentos folclóricos, facendo un percorrido pola memoria, a transmisión e a creación colectiva.

Na categoría de curtametraxes non galegas, unha das seleccionadas é ‘Hauspoa & Tunela’ (2025), de 29 minutos, dirixida por Iñaki Pinedo e Gorka Hermosa, unha produción de Euskadi que recupera a historia da trikitixa e a súa evolución desde as súas raíces populares ata os grandes auditorios, a través do testemuño de máis de vinte figuras da música e da cultura.

Tamén figura entre as finalistas ‘Bemolución’ (2021), de 11 minutos, dirixida por Jose Issa, procedente de Arxentina. O documental sitúase en Latinoamérica durante as ditaduras militares do século XX e aborda a relación entre arte, identidade, protesta e expresión popular a través da figura do compositor e pianista Gustavo ‘Cuchi’ Leguizamón.

Completa a selección ‘La Peña’ (2025), de 15 minutos, dirixida por Javier Gómez Bello e Ezequiel Comesaña, de Andalucía. A curta mostra o día a día dun pequeno club de flamenco de Málaga no que as persoas se reúnen non só para cantar, senón tamén para compartir historias e manter vivas tradicións arraigadas, convertendo o espazo nun lugar de paixón, identidade e comunidade.

A programación de finalistas pecharase coa proxección de ‘Habeas Pinho’ (2025), de 20 minutos, procedente de Brasil e dirixida por Nathan Cirino e Aluizio Guimarães. A película conta a historia dun músico de Paraíba cuxa guitarra é confiscada pola policía na década de 1950 e que decide recuperala mediante unha petición escrita en forma de poema, nun relato baseado en feitos reais que combina música, historia e poesía.

As curtametraxes seleccionadas optarán ao Premio Deleite, dotado con 400 euros e un trofeo orixinal deseñado por Ladra Sanjurjo. O fallo correrá a cargo dun xurado formado por profesionais do sector audiovisual. Ademais, o público asistente poderá decidir o Premio do Público, dotado con 100 euros e outro trofeo.

O premio económico do galardón principal conta co apoio de Deleite, mentres que o Premio do Público está financiado coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Roca. O festival está impulsado pola Asociación Cultural Xermolos, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Guitiriz.

0.14619088172913