O Festival de Pardiñas debulla o seu cartel para estrear agosto

A Asociación Xermolos, organizadora do histórico Festival de Pardiñas en Guitiriz, celebrará a XLVII edición deste evento, declarado Festa de Interese Turístico Galego os días 31 de xullo e 1 e 2 de agosto, mantendo o seu espírito tradicional e a súa ampla variedade de actividades culturais.
Segundo informan desde a organización, a programación será semellante á do ano pasado, combinando música, tradición e participación popular.
Así, o festival contará con actuacións musicais, cantos de taberna, mostra de artesanía, carreira popular, exposición de instrumentos de música tradicional, obradoiros, espectáculos infantís e moitas outras propostas para todos os públicos.
A programación deste ano non está de todo pechada pero xa se coñecen algúns nomes. Entre eles figura Cholo-Chicha, unha banda mestiza cunha proposta chea de enerxía, ritmo e fusión, mesturando a cumbia con rap, salsa, chicha e psicodelia nun directo que non deixará a ninguén en calma.
Tamén estarán Os Carecos, nacidos en 2014 no seo da Asociación Cultural Gamelas e Anduriñas. Levan anos construíndo unha proposta sólida onde destacan as súas potentes voces, as polifonías e un coidado traballo de percusión tradicional.
Dobranotch é outra das propostas. Un dos grandes nomes do klezmer internacional, con máis de 25 anos de traxectoria e cun son potente e cheo de vida que mestura tradición e ritmos de medio mundo: estilos folclóricos rusos, romaníes, de Oriente Medio, ucranianos, caucásicos e impregnados con ritmos contemporáneos.
Tamén estará Bestas, que vai do tradicional ao punk rock, sen límites nin complexos. Unha proposta salvaxe que mestura distorsión e instrumentos tradicionais, d-beat e muiñeira, temas propios e populares.
Pola súa banda, Eskorzo, unha das bandas máis potentes e distintivas da música alternativa estará en Pardiñas amosando o talento de 30 anos de concertos salvaxes.
Completa a listaxe Alana, un dos proxectos máis singulares da nova escena folk galega xunto con Lina e Lola.
Outro dos nomes que brillarán en Pardiñas é o de Maloa Brothers, a nova promesa do hip-hop urbano, que transmite unha enerxía grutal en euskera, portugués e castelán.
Tanto nos Ten tamén busca o seu oco en Pardiñas.
O Festival de Pardiñas consolidouse como un dos eventos culturais máis emblemáticos de Galicia, sendo un punto de encontro para amantes da música e das tradicións populares, nun ambiente festivo e familiar.