O Festival de Pardiñas xa ten cartel e as primeiras confirmacións

TerraChaXa
O cartaz foi deseñado polo grafiteiro lugués Diego As
festival-pardinas
Unha imaxe de arquivo e o cartel de este ano
10 Xul 2024

A organización do Festival de Pardiñas fixo público o cartel da edición deste ano, que se desenvolverá os días 2, 3 e 4 de agosto, na que é a súa XLV edición organizado pola asociación Xermolos.

O festival dará comezo do venres, ás 19.00 horas cun encontro amigable de Fútbol Gaélico no Suso Cruz, ao que seguirá o tradicional Certame de Cantos de Taberna, na súa décima edición, que terá unha sesión previa no Balneario coa Escola de Música tradicional de Xermolos. A partir das 20.30 horas percorrerán o resto de localidades.

A primeira actuación dos sábado será a sesión vermú a cargo de Os Canallas, dentro dos actos previos aos concertos, que complementan un programa para todas as idades, entre os que se atopan o aberto de billarda, ás 16.00 horas, ou a carreira popular, ás 19.30.

Tamén á tarde haberá un concerto de Lembranzas do Tambre, ás 18.30 horas, como un pequeno avance antes dos concertos festivaleiros, que se abrirán as 20.30 horas con Bloquinho de Xermolos. Será unha hora máis tarde a música de 100Voltas, un grupo encabezado pola cantareira galaico-belga Verónica Codesal. Mesturan textos tradicionais, propios e contemporáneos deixando patente a súa combinación ambiciosa do tradicional co moderno, tanto na letra coma na música.

Tamén tocarán Septeto Nabori, 8 músicos cubanos que se xuntaron na súa época universitaria participando en eventos culturais con moitos éxitos. E de aí ata a profesionalización. Traerán música tradicional cubana, así como tamén boleros, sons cubanos e salsa entre outros ritmos latinos.

O grupo francés Aroze terá a súa cita ás 1.15 horas mentres que Pauliña, Paula Chaves, pechará o cartel rodeada dunha gran banda formada por músicos con máis de 20 anos de experiencia enriba das táboas. Neste ano 2024 presentará un novo traballo e xa van 4 na súa curta carreira.

O domingo espertarán cun obradoiro de Treboada a cargo de Oli Xiráldez, ás 12.30. horas, e pola tarde está prevista a proxección de Xorima, un recital poético sobre Palestina, un obradoiro de baile tradicional con Ruth Pérez e o II Econtro de Regeifa na Terra Chá, o espectáculo infantil Circanelo e o concerto de Silvaredonda.

O pregón de Iago Santalla será o punto inicial da segunda xornada de concertos que encabezan Ailá, ás 20-3o horas, para seguir con Gwendal, Kumpania Algazarra e Loita Amada, rock contundente que enlaza coa canción protesta galega, moi representativo no seu último traballo Rematou o Simulacro. Será esta actuación a que porá o punto e final ao festival.

Celebrarase xunto ao festival a 31 Mostra de Instrumentos de Música Tradicional e a Mostra de Artesnanía e farase entrega dos premios aos gañadores do XLV Certame Terra Chá de creación infantil e xuvenil, un concurso vinculado ao Festival de Pardiñas.

Os galardóns concedéronse nos niveis de educación infantil, nos tres ciclos de Primaria, os dous de Secundaria e en bacharelato e FP. Podes consultar a lista dos afortunados neste enlace.

O cartel do evento foi deseñado por Diego As, recoñecido grafiteiro de Lugo, que nestes anos se converteu nun dos artistas máis próximo a Xermolos e a toda a Terra Chá, onde el mesmo ten raíces, sen perder a súa dimensión universal.

cartel-festival-de-pardinas
0.19238996505737