O GDR4 celebra unhas xornadas sobre banco de terras e aproveitamento parcelario

TerraChaXa | LugoXa
O GDR Comarca de Lugo, dentro do marco da REDE Eusumo organiza a celebración das primeiras xornadas sobre Banco de Terras e o aproveitamento parcelario, que están previstas entre os días 24 ao 27 de setembro.
Captura de pantalla 2019 09 18 a las 10.47.53
18 sep 2019

O GDR Comarca de Lugo, dentro do marco da REDE Eusumo organiza a celebración das primeiras xornadas sobre Banco de Terras e o aproveitamento parcelario, que están previstas entre os días 24 ao 27 de setembro.

Ditas xornadas celebraranse en Lugo, Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, entre os días 24 e 27 de setembro en horario de 16:00 horas a 20:00 horas.
O obxectivo da ADR Comarca de Lugo é analizar e reflexionar sobre o Banco de Terras de Galicia, o uso e aproveitamento das parcelas agrarias para evitar o seu abandono e poñelas ao dispor das persoas que as precisen. Ademais, daranse a coñecer os recursos do sistema de información de terras de Galicia, a través da ferramenta Sitegal.

“Tanto o uso das parcelas agrarias abandonadas como as que xa se atopan a disposición no Banco de Terras de Galicia é fundamental para o desenvolvemento económico do sector agrario na nosa comarca, e por iso apostamos por organizar estas xornadas, con obxecto de familiarizar a todos os usuarios das ferramentas que se atopan ao dispor dos propietarios e interesados”, explíca o presidente do GDR Comarca de Lugo e á vez alcalde de Friol, José Ángel Santos, engadindo, que “ contamos nestas xornadas cos redactores da lei, así como os técnicos que se encargan das ferramentas Sitegal, o que supón que se trate dunhas xornadas de gran calidade, e ademais poderemos coñecer de primeira man o estado actual da redacción da nova Lei de Recuperación e Posta en Valor dos terreos Agroforestais de Galicia, así como os cambios previstos na mesma”.

Unha vez máis, desde o GDR da comarca de Lugo apóstase por dar visibilidade e á vez formación ao sector primario, neste caso, faise un importante esforzo organizativo para informar do estado actual e as previsións para o futuro do Banco de Terras, unha ferramenta fundamental para o correcto desenvolvemento e impulso dos sectores agrogandeiros e forestais.

Desde a Dirección do propio GDR4 convidan a todos os protagonistas do rural galego, como son os profesionais dos sectores agrogandeiro, forestal, a todos os diferentes sectores que dunha maneira directa ou indirecta forman parte dos mesmos, así como aos axentes que interveñen no proceso de aproveitamento de parcelas e público en xeral a que acudan a esta xornadas encamiñadas a dar a coñecer as diferentes medidas que se adoptarán neste sentido e por tanto axudarán a poñer en valor o rural da provincia de Lugo.

As xornadas son de carácter gratuíto e a súa inscrición poderase efectuar vía telefónica – 982 238000- ou vía e-mail: info@comarcadelugo.gal

Consulta o programa no seguinte enlace

bancodeterras
0.16490817070007