O Goberno da Deputación impulsa a reconversión do Mirador de Mondoñedo cun obradoiro dirixido a 20 lucenses en paro
A vicevoceira do Goberno, Sonsoles López Izquierdo, informou este xoves que o Executivo da Deputación vén de aprobar na Xunta de Goberno, a subvención para iniciar o proxecto de reconversión do Mirador de Mondoñedo nun albergue, que contribuiría notablemente a mellorar a calidade asistencial aos peregrinos coa creación desta instalación na cidade mindoniense. Para estes traballos será necesaria a contratación de 20 desempregados: os 16 alumnos do obradoiro; así como 1 arquitecto, 2 monitores en albanelaría, e 1 administrativo.
Trátase da única acción formativa que a Xunta de Galicia resolveu favorablemente, das 6 solicitadas polo Goberno da Deputación (3 obradoiro de emprego e 3 programas mixtos). Son, polo tanto, 5 as iniciativas en impulso do emprego na provincia as que denegou a Xunta, coas que se podería facilitar a inserción de 80 parados lucenses máis.
López Izquierdo informou que “trátase da primeira fase, dotada de 274.000 euros, dos que o Goberno da Deputación achega 50.000 euros; coa que se iniciarán traballos de acondicionamento do exterior da fachada, peches, cuberta e carpintería, entre outros. Na vindeira anualidade, concorreremos de novo a convocatoria destes obradoiros para executar unha segunda fase, a de acondicionamento e mellora do interior”.
“Con este proxecto o que buscamos é ofrecer formación e prácticas remuneradas a desempregados da provincia, facilitando a súa inserción no mercado laboral, ao tempo que reforzamos a prestación de servizos públicos municipais esencias, neste caso, no eido das infraestruturas, recuperando o patrimonio de todos os lucenses”, apuntou.
Contratación de 20 desempregados lucenses
López Izquierdo informou que para a execución deste proxecto fará falta a contratación de 20 lucenses no paro. Todos os interesados deberán estar inscritos como demandantes de emprego, estar empadroados no Concello de Mondoñedo e ter 18 anos ou máis. Na páxina web da Deputación, www.deputacionlugo.gal, hai un espazo habilitado con toda a información.
- Para os 16 alumnos: só deberán cumprir as características citadas anteriormente. As probas de selección realizaranse o 20 de setembro na Oficina de Emprego de Mondoñedo, ás 10:00 horas. Os seleccionados nestas prazas recibirán, tal e como obriga a Xunta de Galicia, o salario mínimo interprofesional bruto, é dicir, uns 700 euros, durante os 9 meses que dura o obradoiro. Ao remate, recibirán certificado de profesionalidade.
- Para o Director do Obradoiro: deberá ter a titulación de arquitecto ou arquitecto técnico, cunha experiencia mínima de 24 meses. Terá que acreditar o certificado do CAP ou similar. As probas de selección realizaranse o 20 de setembro na Oficina de Emprego de Mondoñedo, ás dúas do mediodía. O seleccionado para o posto percibirán uns 2.000 € brutos ao mes, durante os 9 meses que dura o obradoiro.
- Para os 2 monitores en albanelaría: deberán acreditar a categoría de Oficial de 1ª ou ter experiencia laboral mínima de 3 anos. As funcións dos monitores será a de impartir ensino a todos os alumnos, desenvolver a actividade educativa, así como cumprir a normativa vixente sobre Seguridade e Saúde no Traballo. As probas de selección realizaranse o 20 de setembro na Oficina de Emprego de Mondoñedo, á unha e media da mediodía. Os seleccionados para o posto percibirán uns 1.815 € brutos ao mes, durante os 9 meses que dura o obradoiro.
- Para o administrativo: requírese a titulación de Licenciado en Empresariais, Ciencias Económicas ou Relacións Laborais. As probas de selección realizaranse o 20 de setembro na Oficina de Emprego de Mondoñedo, ás doce e media da mañá. O seleccionado para o posto percibirán uns 750 € brutos ao mes, durante os 9 meses que dura o obradoiro, pois é unha contratación a media xornada.
Características do proxecto
O Mirador de Mondoñedo é unha infraestrutura de 1.790 m2 que se atopa á entrada do municipio mindoniense, ao pé da N-634. Está formado por 7 niveis que se van integrando no propio terreo, cunha elevada pendente na parcela. Na parte superior, atópase o acceso ao recinto, a partires da que se atopan duas plantas baixas e un conxunto de 4 niveis cos módulos das habitacións.
Deste xeito, os traballos que se executaran consisten no acondicionamento da parcela, con desbroce, poda e plantación da zona verde, reparación da calzada, do aparcamento e da zona peonil. Tamén se iniciará a limpeza do interior, retirando o mobiliario, escombros, carpintería, elementos deteriorados e non utilizables; falsos teitos e particións. Acondicionaranse os peches de protección dos desniveis e tratamento superficial.
Ademais, limparase e recuperarase toda a cuberta de pizarra, e incluso os elementos estruturais en mal estado. Na parte exterior dos edificios, farase unha reparación da carpintería exterior, instalación das pezas necesarias, reposición de elementos como portas ou fiestras; substitución dos cristais, lixado, limpeza e pintura.
Formación dos alumnos
Os alumnos deste Obradoiro realizarán un total de 1.440 horas de formación mediante doce módulos. O obxectivo do mesmo é capacitar aos alumnos no coidado e rehabilitación de edificios. Así como proporcionar aos traballadores nova formación, e facilitar deste xeito a saída laboral destes operarios.
Os módulos que se impartiran son: Labores auxiliares de obra; pastas, morteiros, adhesivos e formigóns; tratamento de soportes para revestimento en construción; enfoscado e guarnecidos; pintura e materiais de imprimación e protectores en construción; obras de fabrica para revestir; tratamentos auxiliares en revestimentos con pezas ríxidas.
Disporán tamén de formación complementaria como sensibilización ambiental; alfabetización informática; inserción laboral e técnicas de emprego; prevención de riscos laborais, ou formación para a igualdade, entre outros.
Resposta á demanda existente
A posta en marcha desta infraestrutura contribuirá a mellorar a calidade asistencial aos peregrinos coa creación desta instalación na cidade de Mondoñedo. Actualmente o albergue municipal só ofrece 24 prazas, e en temporada alta non da atendido á demanda de usuarios. Hai que lembrar que a UNESCO ven de nomear Patrimonio da Humanidade a Catedral de Mondoñedo e o Camiño Primitivo, un pulo importante que cada ano atrae a mais visitantes á Mariña de Lugo.