O Goberno declara o nó eléctrico das Pontes como de transición xusta para impulsar nova industria verde

O Consello de Ministros declarou este 14 de abril a subestación de Maciñeira, nas Pontes, como nó de transición xusta, un paso clave para atraer proxectos industriais vinculados ás enerxías renovables e ao almacenamento enerxético na zona.
Esta medida enmárcase na estratexia de Transición Xusta impulsada polo Goberno central, que busca reactivar economicamente territorios afectados polo peche de centrais térmicas, como é o caso das Pontes. A designación permitirá poñer en marcha un concurso público para adxudicar a capacidade de acceso á rede eléctrica a aqueles proxectos que xeren maior actividade económica e emprego, ao tempo que minimicen o impacto ambiental.
Unha vez aprobada a declaración, será o Instituto para a Transición Xusta o encargado de definir as condicións da poxa e de convocala posteriormente, co obxectivo de captar iniciativas industriais sostibles que contribúan á transformación do tecido produtivo da comarca.
Os chamados nós de transición xusta están pensados para favorecer a implantación de proxectos renovables cun forte impacto económico e social, garantindo ao mesmo tempo unha redución da pegada ambiental.
Neste contexto, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, valorou positivamente este avance, que cualificou como un “paso decisivo” para o futuro industrial da zona. Durante unha visita á empresa Prometal, destacou que a nova regulación permitirá axilizar os procedementos, xa que a tramitación destes nós pasará a depender directamente do Consello de Ministros, reducindo así os prazos.
Besteiro subliñou que esta decisión permitirá liberar máis de 2.000 megawatts de capacidade para novos proxectos industriais, o que suporá, segundo indicou, “un impulso definitivo” para a creación de emprego e a implantación de novas empresas nas Pontes e na súa contorna.
Pola súa banda, o alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, amosou a súa confianza en que esta declaración se materialice de inmediato e destacou a importancia de contar cunha infraestrutura que garanta o subministro enerxético necesario para o desenvolvemento industrial.
O nó das Pontes contempla unha capacidade de 945 megawatts para xeración, incluídos sistemas de bombeo, ademais dunha reserva de 410 megawatts para novos proxectos industriais e 1.024 megawatts destinados a almacenamento enerxético.
Na actualidade, xa existen iniciativas vinculadas á transición enerxética na zona que contan co apoio do Estado, con máis de 100 millóns de euros mobilizados. Entre elas figuran proxectos de hidróxeno renovable, plantas de valorización de residuos e ampliacións industriais, que poderán verse reforzados coa posta en marcha deste nó de transición xusta.
Con esta actuación, o Goberno pretende consolidar ás Pontes como un referente na transformación cara a un modelo enerxético sostible, garantindo ao mesmo tempo novas oportunidades de desenvolvemento económico e emprego tras o peche da central térmica.