O Grupo Forma-t Vilalba FS pecha con éxito a cuarta edición do seu torneo de base

TerraChaXa
O torneo serviu ademais para render homenaxe á figura de Ismael, lembrado a través da mensaxe "Eterno Capitán Ismael 16”
torneo-futbol-sala-vilalba-fs
1 Jun 2026

O Grupo Forma-t Vilalba F.S. puxo o broche final á cuarta edición do seu torneo cunha intensa xornada de fútbol sala base marcada pola convivencia, o compañeirismo e o bo nivel deportivo amosado polos equipos participantes.

A entrega de premios contou coa presenza do novo presidente do club, Julio Guntín; do director deportivo, Kini Martínez; da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; e da concelleira de Deportes, Paula Vigo, que participaron no acto de clausura e recoñeceron o esforzo dos mozos e mozas que tomaron parte na competición.

Na categoría alevín, o Grupo Forma-t Vilalba FS proclamouse campión do torneo, mentres que o Lago Sport rematou na segunda posición. O premio ao mellor porteiro foi para Anxo, do Lago Sport, e Dani Hermida, do Vilalba F.S., foi distinguido como mellor xogador.

Pola súa banda, na categoría benxamín, o título tamén quedou na casa coa vitoria do Grupo Forma-t Vilalba F.S. O Ribadeo F.S. acadou o subcampionato. Othman recibiu o galardón ao mellor porteiro e Iago Cendán, do Vilalba FS, foi elixido mellor xogador da categoría.

Desde a entidade agradeceron a participación dos equipos, así como a asistencia de xogadores, xogadoras, familias e afeccionados, destacando o excelente ambiente vivido durante toda a xornada. O club tamén quixo recoñecer o traballo das persoas voluntarias e colaboradoras que fixeron posible a organización do evento.

O torneo serviu ademais para render homenaxe á figura de Ismael, lembrado a través da mensaxe "Eterno Capitán Ismael 16”, presente durante toda a competición. O Grupo Forma-t Vilalba F.S. despediu esta cuarta edición coa vista posta xa na próxima cita, tras unha xornada que cualifican de inesquecible para todos os participantes.

0.12872219085693