O grupo pontés Nimbos presenta o seu novo album na súa vila

O grupo local Nimbos dará un paso decisivo na súa traxectoria musical coa presentación en directo do seu álbum debut, ATÉ, o vindeiro 24 de abril no Auditorio Cine Alovi das Pontes. Este concerto suporá a estrea sobre o escenario dun traballo que marca o inicio dunha nova etapa para a banda.
Nimbos nace como proxecto persoal de Antía Caaveiro, vocalista, frautista e gaiteira, quen durante anos foi compoñendo melodías e musicalizando poemas —moitos deles da súa irmá—. Estas creacións, que a acompañan dende a adolescencia, foron medrando ata dar lugar a un repertorio propio que, en 2023, toma forma de banda coa incorporación de Álvaro García (guitarra), Xalo Rubio (acordeón), Mario Arranz (contrabaixo) e Diego Barro (percusión).
Dende entón, o grupo foi consolidándose no circuíto musical galego, actuando en espazos e citas destacadas como a Casa Museo Manuel María, o Festival Irmandiño de Moeche ou o Festival Folk da Fraga. Cunha proposta que bebe da tradición e do folk, Nimbos constrúe un son propio no que tamén teñen cabida influencias do jazz, dando lugar a unha música dinámica, accesible e pensada para o directo.
O álbum ATÉ, actualmente en fase final de gravación, representa a primeira gran aposta discográfica da formación. Trátase dun traballo que recolle a evolución artística do grupo e que contará con colaboracións como a do músico Sergio Delgado. A súa presentación nas Pontes será a primeira oportunidade para escoitar estas composicións en directo, nun formato que destaca pola interacción co público e pola dimensión emocional das súas interpretacións.
Este concerto cobra especial relevancia ao tratarse dunha banda local que, tras consolidarse na súa contorna máis próxima, inicia agora un proceso de expansión cara a novos escenarios dentro da escena musical galega. A presentación de ATÉ marcará tamén o punto de partida dunha xira que comezará nesta primavera.
A concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, destacou a importancia de apoiar o talento musical da zona: “É unha satisfacción ver como proxectos locais como Nimbos medran e dan o salto a presentar o seu primeiro disco. Dende o Concello queremos seguir impulsando iniciativas culturais que poñan en valor a creatividade e a identidade musical das Pontes”.
A cita será o 24 de abril ás 20:30 horas no Auditorio Cine Alovi, nun evento no que a banda promete sorpresas e unha posta en escena coidada para acompañar este momento clave na súa carreira.