O Guitiriz xogará polo ascenso a Primeira tras un intenso final de Liga

O Guitiriz SD logrou este domingo situarse na segunda praza da clasificación da Segunda Galicia, o único posto que dá paso á fase de play off, que se disputará nas próximas semanas.
O equipo chairego, que se mantivo na zona nobre da táboa durante a totalidade da competición, logrou no último partido de Liga este lugar, logo de vencer por 0-2 ao Goiriz a domicilio, cun dobrete de Juan García Corral nos últimos minutos de xogo.
Deste modo, o Riotorto, co que levaba competindo ata o final, queda un punto por baixo aínda que venceu ao Meira por 1-2. O título de Liga e o ascenso directo foron para o Folgueiro, que empatou a puntos co Guitiriz pero que tiña o golaverage do seu lado.
Final de competición tamén en Primeira, onde o Vilalbés B remata quinto e mantén a categoría, o mesmo que Santaballés e Outeiro de Rei, situados na parte morna da táboa. Descenso para o CD Castro.