O I Rallymix Concello de Guitiriz vive unha intensa primeira xornada de competición

TerraChaXa
A proba reúne 86 equipos e continuará este domingo coas dúas últimas mangas antes da entrega de premios
Primeira-xornada-do-I-Rallymix-Concello-de-Guitiriz-Gran-Premio-Deputación-de-Lugo
20 Jun 2026

O I Rallymix Concello de Guitiriz - Gran Premio Deputación de Lugo viviu unha intensa xornada de competición coa disputa das tres primeiras mangas cronometradas do percorrido de 8,9 quilómetros, que combina tramos de terra e asfalto. A cita, organizada por Scratch Galicia e a Escudería Scratch Fene coa colaboración do Concello de Guitiriz e o apoio da Deputación de Lugo, reúne nesta súa primeira edición a 86 equipos e forma parte do Campionato Galego de RallyMix 2026 como segunda proba puntuable da tempada.

Ao remate da xornada, ás 21:00 horas, celebrouse no Campo da Feira de Guitiriz a entrega de premios do I Trofeo Súper Sábado Panadería La Esquina, destinado aos vencedores das sete agrupacións participantes. O acto puxo o broche á actividade competitiva do sábado nun evento que converte esta fin de semana a Guitiriz nun dos grandes referentes do motor galego.

A competición continuará mañá, domingo, a partir das 8:30 horas coas dúas últimas mangas, mentres que a entrega de premios está programada a partir das 13:45 horas na praza do Campo da Feira de Guitiriz.

0.13617920875549