O IES Moncho Valcarce e a planta de hidróxeno verde estudan unha vía de colaboración

TerraChaXa
O concello de As Pontes organizou unha reunión entre os promotores da futura planta de produción de hidróxeno e o IES Moncho Valcarce,
reunion ies moncho valcarce concello regaosa
reunion ies moncho valcarce concello regaosa
1 Xul 2022

O concello de As Pontes, a instancias da concelleira de Educación, Tania Pardo Cabarco, e a concelleira de Promoción Industrial, Ana María Pena Purriños, organizou unha reunión entre os promotores da futura planta de produción de hidróxeno, Reganosa e EDPR, e os representantes do Departamento da Familia Química do IES Moncho Valcarce, onde se imparte o Ciclo Formativo de Grao Superior de Laboratorio de Análise e Control de Calidade, en vistas a establecer unha colaboración.

Nunha primeira parte da reunión fíxose unha visita polas instalacións do centro de ensino, que inclúe un laboratorio de ensaios físicos, outro de análises químicas, un almacén de reactivos central e un laboratorio de microbioloxía e biotecnoloxía. Grazas á propia dotación da Consellería e á cesión de equipos por parte de Endesa, o centro conta, entre outros, cun cromatógrafo de gases, un HPLC, varios espectrofotómetros UV-visible, autoclaves, un equipo de absorción atómica, unha máquina universal de ensaios e un dixestor de materia orgánica.

O alumnado do ciclo fórmase para traballar en empresas ou laboratorios de calquera sector industrial, sendo un perfil moi versátil e tendo cabida dentro do departamento de control de calidade presente en todo proceso produtivo.

O ciclo formativo consta dun total de 2.000 horas repartidas en dous cursos académicos, que combinan unha formación eminentemente práctica no instituto cun mínimo de 384 horas de prácticas en empresas. Dito ciclo conta cunha elevada porcentaxe de inserción laboral. O IES Moncho Valcarce xa ofrece actualmente un convenio de colaboración coa empresa Intacta Gestión Ambiental así como convenios de prácticas en diversas empresas públicas e privadas das provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra, como Sogarisa, Leche Celta, LIGAL, AMSlab, Instituto de Investigacións Mariñas, Intecmar, Laboratorio de Medioambiente de Galicia e SGS entre outras.

As partes instáronse a visitas e reunións posteriores e deixaron abertas diferentes vías de colaboración, que van dende a realización de actividades e determinacións orientadas ao futuro proxecto, ata a acollida do alumnado en prácticas, xa sexa en réxime ordinario ou dual.

0.18269181251526