O IES Pedregal de Irimia bautiza unha aula co nome da economista María Loureiro García

TerraChaXa
Natural da Pontenova, María Loureiro regresou ás aulas nas que estudou para compartir unha mañá de aprendizaxe e inspiración co alumnado
aula-maria-loureiro-ies-pedregal-de-irimia
15 May 2026

O IES Pedregal de Irimia, en Meira, celebrou unha xornada especial coa inauguración da aula dedicada á economista galega María Loureiro García, catedrática no Departamento de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), directora científica de ECOBAS e antiga alumna do centro.

Natural da Pontenova, María Loureiro regresou ás aulas nas que estudou para compartir unha mañá de aprendizaxe e inspiración co alumnado. A xornada comezou cun coloquio no que a profesora abordou cuestións relacionadas coa economía local, respondendo ás preguntas dos estudantes e ofrecendo unha visión próxima, rigorosa e motivadora sobre o papel da economía na sociedade actual.

Posteriormente tivo lugar o descubrimento da placa conmemorativa situada na aula de 1º de Bacharelato de Ciencias Sociais e Humanidades, espazo no que se imparte a materia de Economía e que, desde agora, leva o nome da economista.

Desde o centro educativo destacaron que este bautizo forma parte do proxecto de recoñecemento a mulleres significativas da contorna, co obxectivo de visibilizar referentes próximos que destacan polo seu compromiso coa investigación, a docencia e o avance da sociedade.

O acto contou coa participación de alumnado, profesorado e representantes da comunidade educativa, que agradeceron a María Loureiro a súa presenza e o seu exemplo para as novas xeracións.

0.11380887031555