O IES Pedregal de Irimia homenaxea a Ana Cabana dando nome a unha das súas aulas

O IES Pedregal de Irimia viviu hoxe unha xornada moi especial co bautizo dunha nova aula que levará o nome da historiadora Ana Cabana Iglesia. Ex-alumna deste centro educativo e natural de Pacios, en Castro de Rei, actualmente profesora de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, no Campus de Lugo, Ana Cabana converteuse nun referente académico e humano para toda a comunidade escolar.
O acto formou parte do proxecto do instituto de recoñecer e poñer en valor figuras femininas destacadas vencelladas ao centro e á contorna. Así, a aula Ana Cabana súmase ás xa existentes en honra a Sonia Villapol, Susana Seivane e Margarita Ledo.
Antes de descubrir a placa conmemorativa, Ana Cabana protagonizou un emotivo e inspirador encontro co alumnado baixo o título "A historia que importa é a túa", no que destacou a importancia de coñecer e reivindicar as historias persoais no marco da historia colectiva. A súa intervención foi recibida con entusiasmo, emoción e moito interese por parte do público asistente.
O nomeamento desta aula representa non só un recoñecemento ao labor profesional de Ana Cabana, senón tamén unha mensaxe de inspiración para o alumnado actual, que ve nos exemplos como o dela un espello no que mirarse e un estímulo para loitar polos seus soños.