O IES Río Miño de Rábade acada a mellor nota media de Galicia

LugoXa | TerraChaXa
Tamén foi, por segundo ano consecutivo, o mellor da provincia, e levou 4 alumnos á gala da Megabau, na que se premian as mellores notas
alumnos-mellores-notas-abau-rabade
Os alummos que acadaron os mellores expedientes da Abau no IES de Rábade e o director do centro
22 Xuño 2024

Esta semana saíron publicadas as temidas notas da ABAU que ofreceron para o IES Río Miño de Rábade uns resultados espectaculares.

Por segundo ano consecutivo o centro liderou o ránking na provincia de Lugo pero a esto sumóuselle o feito de liderar o ránking de toda Galicia. O seu alumnado obtivo a meritoria media de 8,141 sobre 10 puntos na proba xeral. A mellor nota de toda Galicia.

O Centro manifestou a súa satisfacción polos resultados por outros datos engadidos, xa que un dos seus alumnos, Javier Hermida,  obtivo a sétima mellor nota (13,78 sobre 14) da provincia de Lugo. Ademais de Javier, outras tres rapazas dos once participantes estiveron na gala Megabau aos mellores expedientes xa que obtiveron unha cualificación por riba de 13 sobre 14. Estas foron Laura Campo, Isara Longarela e Andrea Mallo, que estiveron acompañados polo director do centro, Ángel M. Lage. Por suposto, o 100% do alumnado do dentro que se presentou á ABAU aprobou.

A isto hai que poñerlle outro dato de interese. A desviación entre a nota media que sacaron na ABAU e a media dos seus expedientes ten só unha diferenza de 0,22. A media dos seus expedientes é de 8,36 e a da ABAU (na proba xeral) un 8,14. "Isto é un indicador para o profesorado que amosa ter claro o que pedir e esixir ao seu alumnado", explican desde o centeo.

"Queda por saber se a media que sacou cada alumno e alumna lles vai permitir acceder aos estudos desexados. O que si sabemos é que no curso pasado foi así". Estes resultados enchen de orgullo e satisfacción, non só ao alumnado participante na ABAU senón tamén ao profesorado pois reforza a súa liña de traballo", engaden.

0.13879203796387