O Iescha celebra este domingo unha ruta por Ferrol

TerraChaXa
Pola mañá visitarse o Arsenal e pola tarde o resto da cidade
ruta-por-ferrol-iescha
17 sep 2024

O Instituto de Estudios Chairegos, continuando co desenvolvemento do programa de actividades do ano 2024, organiza para o domingo, día 22 de setembro, a XII Ruta Por Galicia adiante - Andando as Terras de Ferrol (O Arsenal e Ferrol Rebelde).

A saída do autobús cara o inicio da ruta realizarase dende as inmediacións da casa da cultura de Vilalba, e está programada para as 9:00 horas do domingo 22 de setembro.

A xornada en Ferrol dividirase en dúas visitas. Pola mañá será visita guiada polo Arsenal,q que está declarado Ben de Interese Cultural. Baixo a dirección de diversos arquitectos e enxeñeiros militares, o Arsenal de Ferrol constrúese no s. XVIII, converténdose nunha das empresas máis difíciles da España da Ilustración e que vinculará a cidade desde entón cos vaivéns da construción naval e as complexas decisións do Estado. Polas súas funcións militar e industrial, o Arsenal divídese en dous: o Arsenal do Parque, parte occidental, e o Arsenal dos Diques, ambos con senllas portas monumentais. No interior do recinto destacan: a Sala de Armas,pechada polo norte polo Cuartel de Instrución; o Dique da Campá (s. XIX) que foi un dos diques máis grandes do mundo na súa época; o Edificio de Herrerías que acolle o Museo da Construcción Naval; o Museo Naval e a Biblioteca da Zona Marítima do Cantábrico, instalados no antigo cárcere de San Carpio.

Visitarase o Arsenal para ver as instalacións do XVIII e os modernos buques atracados alí. Esta visita complementarase coa do Museo da Construción Naval, onde se explicará a historia e crecemento desta factoría que comeza a súa andadura tamén no S. XVIII. Terá unha duración dunhas 3 horas e media.

Pola tarde será a visita guiada por Ferrol, a gran cidade da ilustración de Galicia, e tamén a gran urbe dos contrastes. Estirpe de rebeldes que converteu o movemento obreiro ferrolán na punta de lanza do movemento obreiro galego e español, tamén viu nacer e crecer a persoeiros que apoiaron e impulsaron unha Guerra Civil e unha Dictadura.

Esta ruta procura divulgar a historia heroica do pobo traballador e situar este movemento social no lugar central que lle corresponde na conquista dos dereitos democráticos. O Ferrol rebelde é, sobre todo, o Ferrol solidario, o Ferrol de homes e mulleres que se senten irmáns e camiñan xuntos pola liberdade.

Ferrol rebelde percorre os lugares máis significativos de cen anos de loita obreira. Dunha maneira amena procura aproximarse ao perfil humano dos seus protagonistas, aos documentos que produciron e aos ideais que os mobilizaron. A ruta comeza en 1871 coa publicación en Ferrol do primeiro xornal obreiro de Galiza El trabajo e finaliza en1975 co asasinato de Moncho Reboiras.

Nesta ocasión, tendo en conta o custo das dúas visitas guiadas, establécense dúas opcións a escoller, con dúas cuotas distintas. Nun caso poden pagarse 30 euros por persoa, que inclúe autobús + as dúas visitas guiadas. (A comida corre a cargo do participante); ou a opción B, que son 50 € por persoa e inclúe: autobús + as dúas visitas guiadas + o xantar (reservado no Restaurante Feira de Mostras de Ferrol.

As persoas interesadas en participar nesta Ruta por Ferrol poderán inscribirse, con data límite o mércores 18 de setembro, enviando unha mensaxe á conta de correo do Iescha, estudoschairegos@gmail.com. Tamén poderán facelo comunicándollo directamente a calquera membro da Xunta Directiva ou nos teléfonos: 686-451501 // 651-361628.

0.08958911895752