O Iescha celebra unha palestra sobre a oralidade feminina con motivo das Letras Galegas

TerraChaXa
O acto terá lugar ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilalba e contará coa participación da prestixiosa antropóloga, musicóloga e docente Beatriz Busto Miramontes
conferencia-panderetieras-de-mens
7 May 2025

No marco da programación cultural organizada con motivo do mes das Letras Galegas 2025, o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), coa colaboración do Concello de Vilalba, acollerá o venres 9 de maio unha palestra baixo o título As de Mens. A oralidade invisíbel tornando visíbel. O acto terá lugar ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilalba e contará coa participación da prestixiosa antropóloga, musicóloga e docente Beatriz Busto Miramontes, así como coa actuación do grupo de pandeireteiras e cantareiras Lambe Lambe.

A conferencia será presentada por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, e a entrada será de balde ata completar aforo. Esta actividade enmárcase na homenaxe que este ano as Letras Galegas renden á poesía popular oral e ás mulleres creadoras e transmisoras da tradición.

Beatriz Busto Miramontes (Santiago, 1979) é mestra especialista en Educación Musical pola Universidade de Vigo, licenciada en Historia e Ciencias da Música e en Antropoloxía Social e Cultural pola Universidade Autónoma de Madrid, onde tamén se doutorou cunha tese sobre o uso do folclore musical galego no NO-DO franquista. Ao longo da súa traxectoria, ten centrado a súa investigación na análise crítica da construción cultural da identidade galega, particularmente no estudo do estereotipo como ferramenta de poder sobre o patrimonio musical. Foi docente na Universidade de Santiago de Compostela e actualmente exerce na Universidade da Coruña. É autora de diversos traballos académicos e divulgativos, entre os que destacan Um país a la gallega. Galiza no NO-DO franquista e Pandereteiras de Mens, este último galardoado co 1º premio de Investigación nos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero da USC.

Precisamente este último estudo foi determinante para que a Real Academia Galega decidise incorporar as mulleres de Mens como unha das figuras representativas do Día das Letras Galegas deste ano, dedicado ás mulleres portadoras da tradición oral galega.

O peche musical correrá a cargo do grupo Lambe Lambe, formado por mulleres vilalbesas comprometidas coa recuperación e difusión da música tradicional da Chaira. A súa proposta recolle cantos e ritmos ancestrais interpretados con instrumentos populares como cunchas, latas, pandeiretas, tixolas e culleres, reivindicando a cultura das nosas avoas nos labores cotiás e nas celebracións comunitarias.

Este evento supón unha oportunidade única para reflexionar sobre a riqueza da oralidade galega desde unha perspectiva de xénero e reivindicar o papel central das mulleres na transmisión do noso patrimonio cultural inmaterial.

⚙ Configurar cookies
0.15453791618347