O Iescha leva a Vilalba a obra de teatro '21/3' a cargo de Grupo Teatro Down Lugo
O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través dos Circuítos de Teatro Afeccionado, organiza representación teatral da obra 21/3, a cargo do Grupo de Teatro Down, de Lugo. Este acto terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o sábado 30 de novembro de 2024, ás 19:00 horas.
Trátase dun teatro documental para público adulto de 50 minutos. Cando pecho os ollos podo ver a miña vida por retazos, podo compoñer un vestido cosendo todos eses retazos, anécdotas, a primeira vez que vin o mar, o meu primeiro bico, as cousas que me fixeron feliz e as cousas que non me fan nin m e fixeron tan feliz...." 21/3 trata sobre cada un dos membros deste grupo, sobre as súas inquedanzas: como nos ven?, como nos gustaría que nos visen?, somos aceptados?, porque temos que ser aceptados?, non somos como os demais? ou somos como Segismundo buscando o motivo do seu castigo? Os textos creados no taller de teatro son eses retazos que unha vez cosidos cobraron vida. Xógase coa numeroloxía: 21 escenas en tres actos, 21 de marzo e o triplo cromosoma 21. As imaxes, as atmosferas e os corpos son primordiais na posta en escena. Unha obra para entenrecer, rir e chorar. Como a vida mesma.
Este grupo formouse en decembro de 2004 a partir dun obradoiro de achegamento ao teatro que de inicio contaba con 7 participantes. No 2007 o grupo ampliou o seu número de membros consolidándose como tal. Na actualidade está formado por 16 actrices e actores afeccionados, todos eles con capacidades diferentes, de idades comprendidas entre os 22 e os 55 anos.
Ao longo da súa traxectoria, o Grupo de teatro Down Lugo representou obras como Eu respecto as normas, e ti?, A viaxe da vida, Down Up, Sono dun día, O circo dos doce puntos, Amor, Montaxe de terror, Gritos, O clube da comedia viaria, O bar da esquina, Televisión, Dimes e diretes, Conto de Nadal, Ti te me deixas querer, Ó redor dunha camilla, Soños, Performance Soño e Soño dunha noite de verán.