O Iescha organiza a XXIII Ruta Chairega polos muíños do Rego das Gándaras

TerraChaXa
A actividade terá lugar o domingo 4 e incluirá unha ruta de 12 quilómetros, xantar en Sobrado dos Monxes e unha visita libre ao mosteiro
ruta-rego-dos-muinos-iescha
28 Sep 2026

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) organiza a XXIII Ruta Chairega, que nesta edición levará por título Ruta dos Muíños do Rego das Gándaras e percorrerá o domingo 4 diferentes espazos do concello de Vilasantar.

A saída desde Vilalba está prevista para as 9.00 horas, desde os arredores da Casa da Cultura. Desde alí, as persoas participantes desprazaranse en autobús ata Vilasantar para iniciar o percorrido na Ponte do Sapo. A ruta contará nesta ocasión co acompañamento de Xosé Manuel Felpeto e Xesús Bermúdez, que achegarán aos participantes as súas observacións e explicacións ao longo do itinerario.

O percorrido, duns 12 quilómetros entre a ida e a volta, presenta unha dificultade fácil e non contempla grandes complicacións para as persoas participantes. O itinerario comezará á beira do río Cabalar, afluente do Tambre, e continuará cara ao río principal e posteriormente polo rego das Gándaras.

Un dos puntos destacados da ruta será a fervenza de Bezonzo, situada aproximadamente no quilómetro seis, xunto ao complexo etnográfico do mesmo nome. O espazo destaca tanto pola súa riqueza natural como polo seu patrimonio e polo bo estado de conservación. Ao longo do resto do percorrido poderán contemplarse arredor dunha vintena de muíños, con diferentes estados de conservación, integrados nunha contorna de vexetación variada e autóctona.

Unha vez rematada a ruta, o grupo desprazarase ata Sobrado dos Monxes, onde está previsto o xantar ás 15.00 horas no Restaurante Real. O menú estará composto por callos, ensaladilla, carne asada, sobremesa e café. Despois do xantar, as persoas participantes disporán de tempo libre para visitar o Mosteiro de Sobrado dos Monxes antes de emprender o regreso a Vilalba.

A participación ten un custo de 35 euros para as persoas socias do Iescha e de 40 euros para as non socias. O prezo inclúe o transporte en autobús e o xantar.

As persoas interesadas en participar deberán formalizar a inscrición como data límite o mércores 30 de setembro. Poderán facelo mediante unha mensaxe ao correo electrónico do Iescha, estudoschairegos@gmail.com, ou contactando persoalmente ou por teléfono con algún membro da súa Xunta Directiva. Para máis información tamén están dispoñibles os teléfonos 686 451 501 e 651 361 628.

0.14351320266724