O Iescha organiza en Vilalba un cinefórum sobre os eclipses e a súa presenza na historia do cinema

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), coa colaboración do Concello de Vilalba, celebrará o xoves, 25 de xuño, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, un cinefórum titulado Eclipses no cinema, unha actividade divulgativa que explorará a relación entre a astronomía e a sétima arte.
A sesión estará a cargo de Martín Pawley, crítico e programador de cinema, divulgador cultural e coordinador dos grupos de traballo sobre contaminación luminosa e diversidade da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. O acto contará ademais coa presentación e acompañamento de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.
Durante a charla, Pawley realizará un percorrido por distintas películas nas que os eclipses teñen un papel destacado, mostrando como este fenómeno astronómico foi representado ao longo da historia do cinema. Entre os exemplos abordados figuran obras tan singulares como Barrabás, filme no que a trama se desenvolve arredor dun eclipse solar real incorporado á gravación.
A actividade enmárcase no conxunto de iniciativas divulgativas promovidas con motivo do eclipse solar total que poderá observarse en Galicia o 12 de agosto de 2026, un acontecemento astronómico de especial relevancia ao tratarse do único eclipse total visible no territorio galego en máis dun século.
Martín Pawley conta cunha ampla traxectoria no ámbito cinematográfico e da divulgación científica. Autor de numerosos artigos e publicacións especializadas, participou na programación de festivais e ciclos de cinema e mantén unha intensa actividade divulgadora relacionada coa astronomía e a protección do ceo nocturno.