O Iescha organiza unha nova edición da ruta “Por Galicia adiante” con destino a Viveiro

TerraChaXa
A excursión celebrarase o 5 de xullo e incluirá a asistencia á Rapa das Bestas de Candaoso, visitas guiadas por Celeiro e Viveiro e xantar no Monte San Roque
viaxe-a-viveiro
29 Jun 2026

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) continúa co desenvolvemento do seu programa de actividades para 2026 coa organización da XIV Ruta Por Galicia adiante - Andando as Terras de... Viveiro, unha proposta cultural e turística que terá lugar o vindeiro domingo 5 de xullo.

A saída realizarase ás 8.30 horas desde as inmediacións da Casa da Cultura de Vilalba. Nesta edición, as persoas participantes contarán co acompañamento de Noela Feal, guía oficial de turismo e artesá, que será a encargada de conducir unha xornada centrada no coñecemento do patrimonio, a paisaxe e as tradicións da comarca de Viveiro.

O programa comezará coa viaxe ata Candaoso, na parroquia de Boimente, onde os asistentes poderán presenciar a tradicional baixada dos animais que participarán na Rapa das Bestas do Curro de Candaoso, unha das citas etnográficas máis destacadas da zona.

Posteriormente, o grupo desprazarase ata Viveiro para realizar un percorrido panorámico en autobús polas localidades de Covas e Celeiro. A continuación terá lugar unha visita a pé polo casco histórico de Celeiro, seguida dun tempo libre para gozar da praia, do peirao vello e da zona de viños.

A xornada continuará cunha subida ao Monte San Roque, onde os participantes poderán contemplar as vistas desde o seu coñecido miradoiro. O xantar celebrarase na Parrillada San Roque e incluirá empanada, churrasco, torta xeada, viño, auga e café.

Pola tarde, a expedición regresará a Viveiro para realizar unha visita comentada polo seu casco histórico antes de dispoñer dun novo período de tempo libre. O regreso a Vilalba está previsto para as 20.00 horas.

O prezo da actividade foi fixado en 35 euros para as persoas socias do Iescha e en 40 euros para as non socias. O importe inclúe o transporte en autobús, a comida e o servizo de guía.

As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición ata o mércores 1 de xullo a través do correo electrónico estudoschairegos@gmail.com, chamando aos teléfonos 686 451 501 e 651 361 628 ou contactando con calquera membro da Xunta Directiva da entidade. Desde a organización recomendan comunicar previamente calquera circunstancia persoal que deba terse en conta durante o desenvolvemento da ruta.

0.12188911437988