O Iescha presenta en Vilalba a iniciativa 'Miradas sobre Agustín' para divulgar o legado de Agustín Fernández Paz

TerraChaXa
A xornada comezará coa apertura da exposición 'O Herbario de Agustín', elaborada polo alumnado do IES Basanta Silva
miradas-sobre-agustin-vilalba
19 Oct 2026

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) impulsa en Vilalba a Iniciativa Agustín Fernández Paz 2026/2027: Miradas sobre Agustín, un programa cultural que busca divulgar a obra e o legado do escritor, unha das figuras fundamentais da literatura galega contemporánea e unha referencia nos ámbitos da lectura, a educación e a creación.

Ao longo do curso 2026-2027, a iniciativa desenvolverá encontros, conversas, actividades literarias e celebracións arredor das distintas facetas de Agustín Fernández Paz, desde a literatura, o cinema e o cómic ata a lingua, a renovación pedagóxica e a súa relación coas novas xeracións. O proxecto está organizado polo Iescha, co apoio da familia do autor e coa participación de amizades e persoas comprometidas coa difusión da súa figura.

O primeiro acto especial terá lugar o vindeiro venres 23 de outubro, ás 19.00 horas, na Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz de Vilalba, onde se presentará a programación prevista para o curso.

A xornada comezará coa apertura da exposición O Herbario de Agustín, elaborada polo alumnado do IES Basanta Silva de Vilalba. A mostra poderá visitarse ata o 10 de novembro.

A continuación, Marisa Barreiro presentará o proxecto e dará a coñecer as actividades e os obxectivos que conforman esta programación cultural. O acto incluirá tamén a lectura dun manifesto a favor da figura de Agustín Fernández Paz, a cargo dos escritores Paco Martín e Xavier Senín.

A conferencia inaugural correrá a cargo de Isabel Soto, que abordará a vinculación da traxectoria do escritor coa identidade e a sociedade galegas baixo o título Agustín Fernández Paz: o compromiso cun país e coa terra de nacenza.

Con esta iniciativa, o Iescha pretende manter viva a memoria do autor e achegar a súa obra a novos públicos, reivindicando a súa contribución á literatura galega e o seu compromiso coa lingua, a educación e a cultura do país.

0.15942192077637