O Iescha presenta en Vilalba a terceira edición de 'Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina'

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), coa colaboración do Concello de Vilalba, organizará este venres 16 de outubro, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do libro Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina. Durante o acto, o público poderá escoitar algúns dos poemas incluídos na obra na voz das súas autoras. A entrada será de balde.
A publicación é unha iniciativa solidaria promovida por Galiza por Palestina, Mar de Lumes, Jenín e Pallasos en Rebeldía, coa colaboración de BDS-Galiza, da editora Tempo Galiza e das persoas autoras que cederon os dereitos das súas creacións. Entre elas figuran nomes representativos da literatura e da cultura galegas.
O libro chega xa á súa terceira edición e continúa medrando como un proxecto participativo que busca expresar a solidariedade galega co pobo palestino. Segundo se recolle nas palabras finais do volume, a obra pretende deixar constancia da dor e da rabia ante os crimes cometidos en Gaza, pero tamén da esperanza nun futuro de paz e liberdade para toda Palestina.
Os beneficios obtidos coa venda do libro destinaranse integramente á UNRWA para contribuír á axuda humanitaria á poboación de Gaza. A iniciativa busca apoiar ámbitos fundamentais como a saúde, a educación e a atención psicosocial da poboación palestina.
Esta terceira edición amplía os contidos da publicación ata as 284 páxinas coa incorporación de novas poetas e ilustradoras, reforzando así unha proposta que une literatura, cultura e compromiso solidario.