O Iescha presenta en Vilalba o libro 'Semente de Mencer', a obra poética de Darío Xohán Cabana

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a presentación do libro Semente de Mencer. Obra poética I. Volumes editados 1970-2006, do escritor Darío Xohán Cabana. O acto terá lugar o este xoves, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.
A publicación, editada por Alvarellos Editora dentro da colección Rescate, conta coa edición, estudo e notas de Anxo Angueira. No acto participarán Alexandra Cabana, Chema Felpeto e Henrique Alvarellos.
Baixo o título Semente de mencer recóllese toda a obra poética editada en vida por Darío Xohán Cabana (Roás, 1952-Romeán, 2021). O volume, de 746 páxinas e encadernado en capa dura, reúne os quince libros publicados polo autor, desde Verbas a un irmao (1970) ata Cabalgada na brétema (2006).
Ademais da recompilación poética, a obra incorpora un apartado gráfico que percorre a vida e traxectoria do escritor a través de fotografías, manuscritos e capas históricas dalgúns dos seus títulos.
Desde o Iescha destacan a relevancia desta publicación, que permite achegar ao público unha parte fundamental da literatura galega contemporánea e render homenaxe á figura dun dos grandes poetas e narradores do país. A entrada ao acto será de balde.