O II Festival de Habaneras de Abadín consolídase cunha destacada resposta do público

O Concello de Abadín celebrou o domingo a segunda edición do Festival de Habaneras, un evento que reuniu a numeroso público nunha xornada marcada pola música, a cultura e a convivencia entre agrupacións corais e veciñanza.
O festival contou coa participación da Coral Polifónica de Portomarín, da Coral Polifónica Santa Marta de Traba e da Coral Polifónica de Abadín, que ofreceron un variado repertorio de habaneras e pezas corais que foron seguidas con grande interese polas persoas asistentes.
Durante a tarde, as interpretacións das tres formacións encheron o recinto dunha atmosfera especial, recuperando un xénero musical profundamente ligado á tradición e á memoria colectiva. As habaneras volveron ser protagonistas nun encontro que permitiu poñer en valor o traballo das agrupacións corais e a riqueza do patrimonio musical galego.
Desde o Concello de Abadín destacaron o éxito de participación desta segunda edición e agradeceron a implicación das corais participantes, así como o respaldo do público, cuxa presenza contribuíu ao bo desenvolvemento da cita.
A administración local subliñou tamén a importancia de iniciativas deste tipo para dinamizar a vida cultural do municipio, favorecendo o intercambio entre agrupacións musicais e fortalecendo os vínculos de colaboración e amizade entre os participantes.
O II Festival de Habaneras reafírmase así como unha proposta cultural de referencia no verán de Abadín, consolidándose como un espazo de encontro arredor da música coral e das tradicións compartidas.