O II RallyShow Deputación da Coruña quenta motores coa presenza de catro campións do mundo

O circuíto das Pontes xa comezou a prepararse para acoller o II RallyShow Deputación da Coruña, unha das grandes citas do calendario automobilístico galego deste verán. Nos últimos días iniciouse a montaxe das bancadas para recibir aos miles de afeccionados que se agardan o domingo 16 de agosto nun evento de acceso gratuíto que combinará competición, exhibicións e actividades para toda a familia.
A principal novidade desta segunda edición será a presenza de catro campións do mundo de rallyes. O sueco Stig Blomqvist (campión en 1984), o italiano Miki Biasion (bicampión en 1988 e 1989), o noruegués Petter Solberg (campión en 2003) e o copiloto coruñés Luis Moya, bicampión do mundo xunto a Carlos Sainz, encabezarán un cartel de luxo que converterá As Pontes nun referente do motor durante esa fin de semana.
Na parte deportiva tamén participarán destacados pilotos do panorama galego como Alberto Meira, Daniel Berdomás, Jorge Pérez ou Antón Pérez, que competirán nun formato de eliminatorias directas sobre o circuíto pontés.
Segundo o programa da organización, a xornada arrancará ás 8.00 horas coa apertura do recinto para os equipos e ás 9.00 horas para o público. Tras os adestramentos e a manga clasificatoria, a competición continuará pola tarde cos oitavos, cuartos, semifinais e a gran final, prevista para as 17.45 horas. A entrega de trofeos celebrarase ás 18.00 horas e a clausura chegará cunha actuación musical ás 19.00 horas.
Ademais da competición, a Festa do Motor incluirá exhibicións, sesión de sinaturas dos pilotos, simuladores, zona infantil, exposición de vehículos, pantallas xigantes, espazos de restauración e outras actividades pensadas para todos os públicos, co obxectivo de repetir ou superar o éxito da primeira edición, que reuniu máis de 4.000 espectadores.