O III programa de emprego das Pontes logra a inserción do 45% do alumnado
A terceira edición do Programa Integrado de Emprego das Pontes, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello das Pontes, permitiu a inserción laboral do 45% do seu alumnado, que na actualidade se atopa traballando en empresas privadas con contratos laborais que superan os tres meses de duración.
Ao abeiro deste programa, no que participaron un total de 100 veciños e veciñas procedentes dos concellos das Pontes, A Capela e Xermade, foron 62 ás persoas que, durante o transcurso do programa, lograron un contrato de traballo, tanto no ámbito público como no privado.
As insercións laborais realizáronse en ámbitos cunha ampla demanda de persoal por parte do tecido industrial e comercial do municipio, estando, maioritariamente, relacionadas co sector loxístico, alimentario, limpeza, enerxías renovables, mantemento, xeriatría e coidado de menores, entre outros.
concelleira responsable da área de emprego, Ana Pena, amosou, durante a entrega de diplomas dos cursos realizados durante o último trimestre, na que tamén estiveron presentes o alcalde de Xermade, Roberto García e a tenente de alcalde do Concello da Capela, Natalia Paz, a súa satisfacción polas cifras de inserción logradas. “Un ano máis, superamos o noso obxectivo de inserción fixado para o Programa Integrado de Emprego das Pontes. Os datos confírmannos que debemos continuar apostando pola formación, vencellada ás demandas do tecido laboral do municipio e a comarca, para mellorar a empregabilidade e a situación laboral da veciñanza que se atopa na procura de emprego.