¿O importante é ter razón?
Por Lara Real Lema
Conta a historia que na antigüidade vivían seis homes cegos que pasaban as horas competindo entre eles para ver quen era o máis sabio. Un día, discutindo acerca da forma exacta dun elefante, non conseguían poñerse de acordo. Como ningún deles tocara nunca un, decidiron saír na súa procura e saír de dúbidas.
Postos en fila, coas mans nos ombreiros de quen lles precedía, emprenderon a marcha enfilando a senda que os levaba cara a selva, pronto se deron conta que estaban á beira dun gran elefante. Cheos de alegría, os seis sabios cegos felicitáronse pola súa sorte. Finalmente poderían resolver o dilema.
O máis decidido, abalanzouse sobre o elefante con gran ilusión por tocalo. As présas fixérono tropezar e caer contra o costado do animal. “O elefante é como unha parede de barro secada ao sol”. O segundo avanzou con máis precaución. Coas mans estendidas foi a dar cos cabeiros. “Sen dúbida a forma deste animal é como a dunha lanza”. Entón avanzou o terceiro cego xusto cando o elefante virouse cara el. O cego agarrou a trompa e tras palpala de arriba a abaixo dixo, “escoitade, este elefante é como unha longa serpe”. Era a quenda do cuarto sabio, que se achegou por detrás e recibiu un suave golpe coa cola do animal. O sabio agarrouna e non tivo dúbidas, “é igual a unha vella corda” exclamou. O quinto dos sabios atopouse coa orella e dixo: “Ningún de vós acertou na súa forma. O elefante é máis ben como un gran abanico plano”. O sexto sabio encamiñouse cara ao animal con lentitude, encollido, apoiándose nun bastón. De tan dobrado que estaba pola idade, pasou por baixo da barriga do elefante e tropezou cunha das súas grosas patas. “Escoitade. Estou a tocalo agora mesmo e asegúrovos que o elefante ten a mesma forma que o tronco dunha gran palmeira”.
Satisfeita así a súa curiosidade, volveron outra vez a senda que lles conducía á súa casa. Sentados de novo baixo a palmeira que lles ofrecía sombra retomaron a discusión sobre a verdadeira forma do elefante. O conto remata explicando que todos experimentaran por eles mesmos cal era a forma verdadeira e crían que os demais estaban equivocados. Así, pacificamente, se fose hoxe en día, seguramente uns eliminaríanse a outros do facebook, insultaríanse en twitter e, por suposto, non se falarían nunca máis.
Querer ter razón é a enfermidade crónica da humanidade, e de seguro unha das causas que enfrontaron máis ás persoas. En demasiadas ocasións comprobamos como querer impoñer as nosas razóns e opinións aos demais cústanos caro cando en realidade, aceptar as ideas doutros é máis sinxelo do que parece. Basta con ter presente que aceptalas non significa asumilas nin estar de acordo. É máis ben aceptar que non entendemos a todo o mundo, nin que todo o mundo vainos entender a nos.
Quizais a clave estea en falar menos e escoitar máis, aínda que o que digan estea en contra da propia opinión. Quizais iso sexa todo o que necesitamos de verdade, e ao conseguilo poderíamos renunciar a impoñer as nosas opinións e crenzas. Quizais.