O IV Rumboia Viva consolídase en Abadín cunha multitudinaria participación e unha intensa xornada cultural

O Campo da Feira de Gontán, en Abadín, converteuse este sábado nun gran punto de encontro para a música, a cultura e o lecer coa celebración do IV Rumboia Viva, unha edición que reuniu centos de persoas e que confirmou o crecemento e a consolidación deste festival como unha das citas máis destacadas do verán na Terra Chá.
Ao longo da xornada, veciños e visitantes puideron gozar dunha programación variada que combinou actividades participativas, propostas culturais, artesanía e música en directo nun ambiente marcado pola convivencia e o bo ambiente. A actividade arrancou coa apertura do mercado de artesanía, ao que seguiron diferentes iniciativas dirixidas a públicos de todas as idades, como o obradoiro de nail art, os xogos tradicionais organizados por Xotramu e o contacontos O que non estaba escrito.
Xa pola tarde-noite, a música tomou o protagonismo absoluto da programación. O escenario do festival acolleu as actuacións de Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, ás que se sumaron posteriormente os concertos de Boyanka Kostova e o espectáculo de Lucasiito B2B Somiiux. Entre actuación e actuación, a DJ Bea Fernandes encargouse de manter a animación e o ambiente festivo durante toda a noite.
A excelente resposta do público, xunto coa presenza dos postos de artesanía e a oferta gastronómica, contribuíu a converter esta cuarta edición nun éxito organizativo e de participación. O evento reuniu persoas chegadas de distintos puntos de Galicia, reforzando a súa capacidade de atracción e o seu papel como dinamizador cultural e social da comarca.
Desde o Concello de Abadín destacaron o labor realizado pola Asociación A Rumboia na organización do festival, así como a colaboración de voluntarios, patrocinadores e entidades implicadas na súa celebración. Tamén agradeceron a participación do público, verdadeiro protagonista dunha cita que continúa medrando ano tras ano.
Co balance positivo desta edición, o Rumboia Viva reafirma a súa vocación de seguir sendo un espazo de encontro arredor da cultura, a música e a identidade local, consolidándose como unha referencia dentro do calendario festivo e cultural da comarca.