O lago das Pontes converterase este sábado nun campo de samuráis con máis de 1.300 participantes

TerraChaXa
Ao longo dos últimos anos, a Samurai Xtreme Race consolidouse como unha cita de referencia dentro do calendario estatal das OCR (Obstacle Course Race)
DIPU CORU samurai xtreme race
3 Jul 2026

O lago das Pontes acollerá este sábado, 4 de xullo, unha nova edición da Samurai Xtreme Race, unha das carreiras de obstáculos máis esixentes de Galicia, que nesta ocasión alcanzará unha cifra récord de participación ao reunir 1.342 deportistas procedentes de distintos puntos do territorio.

A novena edición da proba destaca tamén pola importante presenza feminina, xa que as mulleres representan o 44 % das persoas inscritas. Desde a organización sinalan que esta porcentaxe resulta pouco habitual neste tipo de competicións e reflicte o crecente interese das deportistas polas carreiras de obstáculos, unha modalidade que combina esforzo físico, resistencia e capacidade de superación.

Ao longo dos últimos anos, a Samurai Xtreme Race consolidouse como unha cita de referencia dentro do calendario estatal das OCR (Obstacle Course Race), reunindo participantes de diferentes niveis e perfís, desde atletas experimentados ata persoas que afrontan a proba como un desafío persoal.

O percorrido discorrerá pola contorna do lago das Pontes ao longo duns dez quilómetros e contará con 79 obstáculos distribuídos por todo o circuíto. O deseño da carreira busca poñer a proba habilidades como a forza, o equilibrio, a coordinación, a resistencia física e o traballo en equipo.

Como novidade nesta edición, a organización decidiu modificar o horario habitual da competición. A saída está prevista para as 16.00 horas e, unha vez rematada a carreira, participantes e asistentes poderán desfrutar dun concerto programado para pechar a xornada.

O evento manterá tamén a súa vertente solidaria coa celebración da Samurai Junior Race, destinada a nenos e nenas de entre 4 e 13 anos. A recadación obtida a través das inscricións nesta modalidade será destinada integramente á Fundación Degén.

Desde a organización agradeceron o traballo realizado durante as últimas semanas para preparar a infraestrutura da proba e destacaron a implicación de máis dun cento de persoas voluntarias que colaborarán no desenvolvemento da carreira, así como o apoio das institucións, patrocinadores e empresas colaboradoras que fan posible a celebración do evento.

0.13732695579529